Investigadores do grupo USCan3D (USC, Campus de Lugo) desenvolven este venres a partir das 16.30 horas un obradoiro sobre modelado 3D de obxectos reais con teléfono móbil ou tableta, no marco do evento de emprendemento universitario iberoamericano Spin 2016 (que se está a celebrar na Cidade da Cultura de Santiago). A directora do grupo, Mariluz Gil, o tamén profesor da USC e coordinador do campionato científico internacional D3Mobile, Juan Ortiz, e Teresa Rego, serán os encargados de guiar esta actividade de divulgación e participación.
Nel, todas as persoas asistentes aprenderán a facer modelos de obxectos reais en tres dimensións co seu propio teléfono móbil ou tableta e unha aplicación gratuíta que traballa na nube. Segundo informan, o modelado 3D a partir de fotografía do obxecto real constitúe “unha potente ferramenta de rexistro da información xeométrica do mesmo e xa se trata dun recurso moi empregado por moitos profesionais de todo o mundo e con múltiples aplicacións”. Ademais, lembran que os modelos 3D virtuais son os arquivos dixitais que rexen as impresoras 3D.
O grupo USCan3D organiza un obradoiro de modelado 3D en Spin 2016
Compartir Este Artigo

