A empresa Lupeon, especializada en solucións avanzadas e de modelado e impresión en 3D, vén de gañar a décima edición dos Premios EmprendedorXXI en Galicia, certame impulsado por La Caixa a través de Caixa Capital Risc (coa colaboración do Ministerio de Industria a través de ENISA) coa finalidade de identificar, amosar e recoñecer o potencial innovador e de crecemento das empresas da nosa terra (Emprendedor XXI edición galega) e de todo o ámbito estatal (Emprendedor XXI España). O galardón a Lupeon, co-outorgado polo IGAPE, recoñece a súa prometedora proposta no ámbito da enxeñería en fabricación aditiva industrial.
A empresa galega, entre outras cousas, produce mediante impresión 3D solucións a medida das esixencias do cliente. Os seus fundadores son os enxeñeiros industriais Luis Mandayo e Adrián Sánchez. Teñen sede operativa en Ordes e dende alí fortalecen cada ano (dende 2013) o seu obxectivo de “pór a impresión en tres dimensións ao alcance de calquera empresa”.
A compañía obtivo un premio en metálico de 5.000 euros e unha bolsa para participar nun curso intensivo de crecemento empresarial, Ignite Fast Track, impartido na Universidade de Cambridge (Reino Unido).
O primeiro finalista foi Sila Games (empresa adicada ao sector dos videoxogos a nivel mundial), o segundo Fiablone (que elabora e vende o primeiro chourizo vexetal, curado e afumado como o chourizo tradicional galego), o terceiro foi Converfit (un proxecto de Citious Team, que como provedores de ferramentas que permiten ás empresas conectar cos seus clientes, ofrece servizos innovadores, eficaces e sinxelos) e o cuarto Resetea Xestión Responsable (que produce e comercializa produtos innovadores, sustentables e socialmente responsables a través da reutilización de refugallos).
Un total de 26 empresas de Galicia presentáronse este ano aos Premios EmprendedorXXI, en palabras de La Caixa “unha iniciativa consolidada como un referente para start-ups de España e decisiva para o impulso dos mellores proxectos de emprendemento do eido estatal”.
Este ano, os premios alcanzaron a súa décima edición e desde a súa creación, en 2007, investíronse 3,67 millóns de euros en premios e accións de acompañamento, das cales se beneficiaron 232 empresas. Neste dez anos de actividade, un total de 4.665 empresas de nova creación participaron nos Premios EmprendedorXXI.
Lupeon imponse na décima edición da edición galega dos Premios EmprendedorXXI
Compartir Este Artigo

