Este mércores 26 temos en Compostela unha cita referencial sobre eSaúde, ou sexa, sobre ese ámbito de traballo, investigación e desenvolvemento onde as novas tecnoloxías dan o mellor de si para mellorar cousas como atención médica, os tratamentos e as comunicacións cos doentes. Máis polo miúdo, será unha xornada para presentar tres avances tecnolóxicos de eJKC (eHealth Joint Knowledge Centre). Falamos de OnCare, OnTime e Saludei. Trátase, informa eJKC, de tecnoloxías que teñen en común a súa aposta a prol de ofrecer un servizo de medicina personalizada para cada paciente. Ademais, diríxense a fornecer sistemas que axuden a optimizar os procesos dos equipos sanitarios. A sesión levarase a cabo no Hospital Gil Casares de Santiago.
Lembrar que eJKC é a unidade unidade mixta constituída polo Centro Tecnolóxico Gradiant e a multinacional Everis, coa Fundación Ramón Domínguez como entidade subcontratada. Foi dada a coñecer oficialmente en xuño de 2015, dende a sede se seu no devandito Hospital Gil Casares de Santiago. Segundo fixeron saber daquela os seus impulsores, os seus cometidos principais pasan por promover o desenvolvemento de tecnoloxías para mellorar a nosa calidade de vida e para favorecer o envellecemento activo, poñendo en valor a calidade científico-técnica galega co fin de impulsar liñas de traballo ao redor das necesidades tecnolóxicas dos sistemas sanitarios do futuro.
Como dixemos, o obxectivo da sesión deste mércores é analizar os resultados de tres avances tecnolóxicos destinados a mellorar a calidade de vida das persoas enfermas: OnCare, OnTime e Saludei. As dúas primeiras céntranse no incremento do benestar dos pacientes oncolóxicos. Porén, no seu conxunto, trátase de tecnoloxías que apostan por ofrecer un servizo de medicamento personalizado para cada paciente e ademais, prestar un sistema que axude mellorar os procesos dos equipos sanitarios. Neste encontro eJKC fará un adianto dos avances tecnolóxicos nos que a unidade mixta ten posto o foco para desenvolver e integrar en datas vindeiras.
Gradiant e Everis presentan este mércores tres avances tecnolóxicos en materia de medicina personalizada
Compartir Este Artigo

