Appentra, spin-off do Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC), vén de ser seleccionada para presentar a tecnoloxía Parallware no SC16, un evento que se celebrará do 13 ao 18 de novembro en Salt Lake City (Estados Unidos) e que xuntará a boa parte dos investigadores máis referenciais da comunidade internacional da supercomputación (científicos, enxeñeiros, investigadores, educadores). Como lembraremos, Parallware é unha tecnoloxía innovadora para o mercado da computación de alto rendemento (HPC, High Performance Computing).
En xuño de 2013 a tecnoloxía en cuestión foi recoñecida no certame de iniciativas innovadoras da USC. Trátase, máis en detalle, dun produto software que posibilita acelerar de maneira automática aplicacións intensivas de cálculo. Parallware ten amosado un amplo potencial para sectores como o aeroespacial, o motor, a enxeñaría civil, o farmacéutico, a biomedicina ou a química. Entre os seus puntos fortes figuran os seguintes: minimiza tempo de cómputo e esforzos de desenvolvemento e reduce a dependencia dos profesionais con respecto a perfís altamente especializados en ámbitos como a programación paralela e computación HPC.
Respecto do encontro SC16, sinalar que un dos seus piares fundamentais é recanto SC16 Emerging Technologies, un escaparate de tecnoloxías innovadoras (da industria, laboratorios gobernamentais e o mundo académico) previamente seleccionadas por un comité especializado. Precisamente, este comité de tecnoloxías emerxentes elixiu Parallware como “unha tecnoloxía con potencial de influír na informática e na sociedade en xeral”.
Segundo lembra o Centro de Investigación TIC, a spin-off Appentra adícase “a proporcionar ferramentas software de calidade que permitan un uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todas as áreas de aplicación da enxeñaría, a ciencia e a industria”.
Appentra presentará a súa tecnoloxía Parallware no evento SC16 de Estados Unidos
Compartir Este Artigo

