O evento #InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais que se celebra os días 16 e 17 deste mes no Pazo de San Marcos de Lugo (sede da Deputación), vai servir para recoñecer e visualizar o traballo ben feito das nosas firmas e profesionais en materia tecnolóxico-dixital, alén do seu cumprido programa de relatorios, debates e exposicións (axenda de actividades informativas que avanzamos onte mesmo dende Código Cero). Segundo informou os días pasados a Deputación, organizadora da cita, a nova edición dos Premios InLugo teñen o obxectivo de “salientar o labor nas TIC das empresas e proxectos lucenses”.
Os galardóns veñen este ano con tres modalidades: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía. Arestora, rematado o prazo para presentar candidaturas, un xurado formado por membros da entidade provincial está a encargarse de valorar as candidaturas e elixir os finalistas, que se darán a coñecer mañá, 14 de decembro, ás 11 horas. A cerimonia de entrega celebrarase no marco do IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16.
O obxectivo da organización con estes recoñecementos é converter o evento en si mesmo, un “foro de balde e para todos os públicos”, nunha plataforma de promoción e de recoñecemento das iniciativas, persoas ou organizacións da provincia que máis tivesen destacado este ano no impulso das novas ferramentas, da innovación e da creatividade tecnolóxica. Neste senso, #InLugo16 achegarase unha vez máis como unha palestra de primeira liña para estes proxectos e iniciativas, tanto pola relevancia que atesoura e pola pegada que ten nas redes sociais e na Internet, como polas posibilidades que se abren coa retransmisión en streaming, posible grazas á Fundación TIC.
Respecto dos resultados acadados ao abeiro dos Premios #InLugo15, a edición anterior, lembrar que se acadou a cifra de 80 candidaturas presentadas. Neste caso, as iniciativas galardoadas nas diferentes categorías foron:
· Comercio, Ocio e Restauración: Teafortwo (facebook.com/teafortwoLugo)
· Educación e Formación: a web do Servizo de Cardioloxía do HULA (cardiologia-lugo.com)
· Cultura e Social: Don’t be a foreigner (dontbeaforeigner.com)
· Tecnoloxía: Cilenis (cilenis.com)
A Deputación recoñecerá no congreso #InLugo os esforzos das empresas TIC provinciais
Compartir Este Artigo

