A firma galega Pekecha, da que falamos recentemente para informar da súa factoría de innovación laboral en Ribadeo (A Chocolateira), vén de informarnos dos seus traballos desenvolvidos este ano para Turismo de Padrón, unha liña de traballo da que xa puidemos ver froitos en 2015 e que proseguiu en 2016 fornecendo importantes achados. Estas novidades foron presentadas a semana pasada en rolda de prensa e consisten, por unha banda, nunha remodelación da feitura da aplicación móbil turística de Padrón, e pola outra, na incorporación na mesma da tecnoloxía Beacon (popular e innovador sistema de microxeolocalización).
Segundo fai saber Pekecha, a integración destas tecnoloxías na app turística permitirá ampliar as posibilidades de interacción durante a visita de peregrinos ao concello, así como mellorar a actividade comercial do tecido económico local. Neste senso e para facérmonos unha idea do potencial da dita integración, Pekecha levou a cabo o desenvolvemento dun novo módulo que permitiu a inclusión de todos aqueles comercios da localidade, de forma totalmente de balde, e no que poderán facer ver as ofertas lanzadas, así como datos de contacto, como chegar, horarios.. etc.
Segundo engade a firma responsable destes traballos, todo o devandito púxose en marcha “a través dun total de dez beacons, distribuídos por todo o termo municipal”. Isto, engade Peckecha, posibilitará a emisión de mensaxes e notificacións a todos os visitantes, “sen necesidade de que os usuarios dispoñan de Internet, funcionando por proximidade e dando múltiples opcións, con ata 50 metros de distancia neste caso”.
O proxecto foi desenvolvido por Pekecha, e financiado por Concello de Padrón, a través da Concellería de Turismo, xunto cunha axuda da Deputación da Coruña.
A devandita empresa tamén informou de que a principios do 2017 levarase a cabo unha campaña de promoción co comercio “co fin de comezar a interactuar dunha maneira moito máis directa, convertible e dinámica con visitantes e veciños”.
Pekecha amplifica con microxeolocalización as opcións comerciais da app turística de Padrón
Compartir Este Artigo

