A empresa TIC Balidea, con sede de operacións en Compostela, é a día de hoxe un referente estatal no desenvolvemento de solucións aplicadas á saúde pública, cunha grande experiencia en e-health, tal e como puidemos percibir recentemente na presentación de dous ambiciosos proxectos tecnolóxicos no CHUS de Santiago. Segundo informan fontes da firma, un importante número das súas iniciativas xogan un papel fundamental na comunicación entre a Administración e a cidadanía e na mellora da atención sanitaria co uso das TIC. “Con esta bagaxe e tantos anos de experiencia tiñamos claro que debiamos innovar por esta vía”, comenta María del Carmen López, responsable da oficina de I+D+i de Balidea. Foi así como a compañía decidiu focalizar boa parte dos seus esforzos innovadores no ámbito sanitario, traballando principalmente en dous camiños: o empoderamento e maior autonomía dos pacientes e as terapias avanzadas. No camiño ata aquí acumularon experiencia cunha morea de proxectos sanitarios, pero tamén doutras áreas como a educación e o deporte, sempre coa vontade de achegar solucións ao servizo da sociedade.

Neses dous piares aséntanse catro dos proxectos máis importantes que Balidea ten entre as mans neste intre e que veñen de conseguir financiamento do programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
O primeiro deles, PREBENCAR, propón un asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovasculares. “Busca achegar unha aplicación móbil que lles permita aos pacientes autoxestionar a súa saúde cardiovascular”, explica a responsable da oficina de I+D+i, “que promova a actividade física, o descanso suficiente, a alimentación cardiosaudable, evite o sedentarismo e adíe a dependencia”.
Na mesma liña sitúase RISING (Rich Stimulation Daily Living), un asistente para persoas con deterioro cognitivo leve, que propón terapias baseadas na actividade diaria. Como expón María del Carmen, presentaron a proposta a partir dun relato moi frecuente na vida real: “un ancián que comeza a ter pequenos despistes, incomprendido polos fillos e que se apoia na complicidade coa súa neta para lembrarse das súas obrigas diarias e, sobre todo, non esquecer tomar o seu tratamento”. Mais que pasará cando a neta marche da casa para ir estudar? Aí interviría a solución que propón o proxecto, que se vai denominar NETA e que pretende reproducir esa familiaridade entre netos e avós.
Pola súa banda, RECUPERA céntrase no deseño dun sistema de apoio a persoas con danos neurolóxicos, empregando un robot colaborativo e a realidade virtual inmersiva. “Está pensado para a rehabilitación de persoas que padecen lesións medulares ou dano cerebral provocado, por exemplo, por un ictus ou un accidente cerebrovascular”, precisa María del Carmen.
O cuarto e último, SABIUS, é o único non orientado ao paciente, mais si mantén un carácter preventivo. O seu obxectivo é deseñar un equipo portátil de detección microbiolóxica para o control da calidade das augas de baño e así evitar riscos para a saúde. Na opinión da responsable de Balidea, “vai axilizar as tarefas de control e suporá un aforro notable en loxística de mostras”.
Máis de dez anos innovando
Balidea acumula unha década de experiencia innovadora, á par doutras empresas complementarias formando consorcios, concorrendo aos programas públicos para a innovación, pero tamén desenvolvendo iniciativas con recursos propios. “Dende a oficina de I+D+i encargámonos de captar fondos para proxectos estratéxicos para nós, pero tamén impulsamos iniciativas desenvolvidas exclusivamente con fondos propios”, puntualiza María del Carmen López.
Son moitos os seus casos de éxito que xa teñen unha aplicación no ámbito sanitario. SIXIC-TELEA é unha plataforma para a xestión de enfermos crónicos, que permite ao paciente interactuar co seu centro de saúde, facer trámites, consultar o seu historial e tratamento, etc. No caso de SmartED e SIGUR, son sistemas de información a pacientes e familiares en urxencias. CETIR é unha plataforma para a xestión das comunicacións en tempo real, que constitúe a peza clave do novo Plan Ictus da Consellería de Sanidade, facilitando a tele-asistencia. SIGUE é unha innovadora ferramenta para a relación integral da cidadanía e os profesionais cos edificios sanitarios, que vén de implantarse nos Hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e Lucus Augusti.
Propostas alén do ámbito sanitario
Un dos máis ambiciosos e meirandes logros da I+D+i de Balidea é ADESTRapp, un sistema de análise de vídeo deportivo aplicado a contornas de competición, adestramento e arbitraxe, do que xa temos falado en Código Cero. “É un proxecto 100% nacido en Balidea, integramente desenvolvido con fondos propios e do que xa podemos dicir que está en tres continentes, pois úsano equipos profesionais de Dinamarca, Arxentina ou Dubai, e séguennos a chegar solicitudes de diversos países. Ademais, como xa sabedes, é empregado por diversos equipos españois de todas as categorías, dende Primeira, incluído algún equipo de Champions, liga ACB, a clubs non profesionais”, subliña María del Carmen.
É o mesmo caso de Escolas na Nube, un proxecto desenvolvido con fondos propios para achegarlle un espazo de comunicación e intercambio de materiais na nube ás escolas rurais de Galicia, facilitando a colaboración entre alumnado, profesorado e familias. “Este caso enmárcase nunha liña de traballo que temos aberta de integración e aplicación de tecnoloxías cloud para ofrecer servizos na nube”, explica María del Carmen. Cita como exemplo tamén UnderstAID, unha plataforma de cloud-learning para coidadores informais de persoas con demencia; e un proxecto de Red.es que veñen de conseguir para a achega de solucións de computación na nube para PEME. Ademais, apuntan como próximo reto para ADESTRapp ofrecelo tamén como servizo na nube.
Mención á parte merecen dous novos desafíos que veñen de concretarse para Balidea, o primeiro tamén a través do programa Conecta PEME e o segundo do programa europeo FEDER-Interconecta: TOURAL e Forestair.
TOURAL é unha ferramenta de localización e emprazamento para grandes eventos culturais. “Busca unha estandarización e adaptabilidade a diferentes ámbitos e parte dun sistema de xeolocalización en interiores que xa levamos a práctica noutras experiencias e que serve para aeroportos, museos, hospitais, recintos feirais, centros comerciais, etc.”
Concretamente neste proxecto pretendemos desenvolver tecnoloxías innovadoras que permitan, usando aplicacións e dispositivos móbiles, a interacción total entre profesionais que asistan a feiras, congresos e eventos. Esta interacción permitirá poñer en contacto aos asistentes, tanto entre sí como cos organizadores dos eventos, e así mesmo, tamén permitirá o guiado e localización dos asistentes dentro e fora do recinto onde se celebra a feira.
Forestair pretende mellorar a xestión forestal e facela sostible mediante o uso de UAVs, empregando un software que permita optimizar a ordenación, planificación, certificación e prevención de incendios a partir dos datos recollidos por drons. “É fundamental crear ferramentas que sexan útiles para o seu fin”, conclúe a responsable da oficina de I+D+I de Balidea.
Balidea impulsa tecnoloxías para as novas necesidades terapéuticas e o empoderamento dos doentes
Compartir Este Artigo

