Chegará un día en que conducir sexa un acto cen por cen seguro, rendible e sustentable. Este futuro está a ser apuntalado por empresas como a galega Xesol Innovation, da que falamos recentemente en Código Cero para dar conta do seu asistente de condución intelixente (ADAS), unha tecnoloxía que estará á venda para particulares no primeiro semestre de 2017 e que salienta por riba doutros recursos análogos por ser o que achega máis ángulos de visión aumentada da contorna do automóbil. Ten, como lembraremos, unha ampla marxe de precisión e goza de todas as vantaxes da visión artificial (en troques de infravermellos e radares), integrando tres cámaras con esta tecnoloxía. Se con motivo da súa presentación fixemos fincapé na marxe de seguridade que pon en xogo para os pasaxeiros, agora é a quenda de salientar os elementos de “tranquilidade” que fornece a quen está fóra do coche. Sexan peóns, ciclistas ou ocupantes de vehículos estacionados.
Segundo engadiu a propia firma Xesol días despois da presentación oficial do seu ADAS, un dos grandes obxectivos (senón o máis importante) da tecnoloxía desenvolvida é (precisamente) loitar contra o elevado número de atropelos nas nosas vilas e cidades. Con este fin, deuse forma a un sistema de detección de peóns (pederastian detection) cuxo principal reto foi ser de abondo intelixente como para saber identificar un camiñante entre os múltiples elementos que rodean o automóbil polos seus catro costados: saber distinguilo malia a variabilidade da súa aparencia (tamaños, feituras) e polos seus movementos (o reto de non seren estáticos). En palabras de Xesol, o reto foi conseguido. Os seus responsables engaden a este respecto que “cumpría máis que nunca que o mercado e os condutores tiveran ao seu alcance recursos para protexer tamén aos peóns”, sendo estes, por norma, “os maiores prexudicados nos accidentes que ocorren en ámbito urbano, tendo en moitas ocasiones consecuencias tráxicas”. A funcionalidade de pederastian detection de Xesol encamíñase directamente “á redución de accidentes e as súas consecuencias”.
Como dixemos, o principal reto foi a identificación do peón por parte dos sistema. Esta capacidade, segundo os responsables da firma con sede na Tecnópole, é unha das principais eivas dos coches autónomos, que ata o de agora “fallaban en situacións tan triviais como deterse ante un semáforo en vermello”. Neste senso e para facernos unha idea do que se nos conta, Xesol recorda un vídeo que circula na Rede no que se ve un automóbil autónomo de Uber saltarse un semáforo pouco antes de que un peón comezase a cruzar.
A maiores, mediante o sistema da empresa galega, “o condutor ten a tranquilidade de recibir información inmediata que pode que o seu ollo non perciba por despiste, fatiga, falta de reflexos ou visibilidade”. Deste xeito, mediante sinais visuais e sonoras, o asistente alerta sobre a presenza de peóns, ciclistas, vehículos parados ou obstáculos na estrada, así como da irrupción de obxectos… Tamén avisa de curvas pronunciadas e cambios na feitura da calzada, como un próximo estreitamento da vía, así como da invasión involuntaria do carril contrario ou da beiravía. Ademais, é capaz de rexistrar e interpretar os sinais de tráfico, alertando sobre o risco de incumprir as limitacións existentes.
O asistente de condución intelixente da galega Xesol busca reducir os atropelos nas cidades
Compartir Este Artigo
