As fundacións Telefónica e Santa María A Real veñen de anunciar novas palestras de formación innovadora para favorecer a empregabilidade da xente nova. Trátase da vindeira posta en marcha de 140 Lanzadeiras de Emprego en todo o territorio estatal, incluída a nosa terra (onde xa houbo edicións previas destas iniciativas, máis polo miúdo en Ourense e en Arteixo, Lugo, Marín, Redondela e Santiago). As 140 novas lanzadeiras servirán “para axudar a 2.800 persoas desempregadas de diferentes idades e colectivos a reforzar as súas habilidades laborais e coñecer novas ferramentas e tecnoloxías de empregabilidade”. As academias-aceleradoras galegas arrincarán a súa actividade en abril e máis en novembro.
Estas palestras puxéronse en marcha en 2013, arrincando con cinco escenarios de formación. A día de hoxe, xa se desenvolveron (ata o de agora ) 315 lanzadeiras. Delas, 132 leváronse a cabo en 2016 de maneira conxunta con Fundación Telefónica e grazas ao co-financiamento do Fondo Social Europeo. Segundo informa a operadora, a taxa de éxito foi do 50%. Dito doutra maneira: arredor da metade das persoas participantes conseguiron un emprego por conta propia ou allea ou retomaron estudos.
Cada Lanzadeira de Emprego servirá para axudar a 20 persoas desempregadas a adestrar unha nova procura de traballo en equipo. Contarán coa axuda dun orientador, que lles facilitará aos participantes novas ferramentas de procura e guiaralos para reforzar as súas habilidades profesionais, mellorar a súa empregabilidade e contar con novas posibilidades de inserción socio-laboral.
A Fundación Telefónica porá en marcha este ano 140 novas Lanzadeiras de Emprego
Compartir Este Artigo

