Telefónica impulsa a lanzadeira de emprego de Ourense

martes, 15 de marzo do 2016 Redacción

O vindeiro mes de abril Ourense contará coa primeira lanzadeira de emprego de Galicia grazas ao labor do Concello, a Fundación Telefónica e a Fundación Santa María a Real. Con esta proposta 25 persoas poderán levar a cabo unha nova procura de emprego en equipo, reforzar as súas competencias profesionais, ampliar o seu coñecemento en redes sociais, mellorar as súas posibilidades de seren contratadas e contar con novas posibilidades de inserción laboral. Cómpre sinalar que esta lanzadeira está incluída nas 145 que Fundación Telefónica e Fundación Santa María a Real porán en marcha este ano por toda a contorna estatal, para o que contan coa colaboración e co-financiamento do Fondo Social Europeo.
Volvendo á lanzadeira de emprego de Ourense, como xa adiantamos estará integrada por 25 mozos que se atopen en paro ou desemprego; e que teñan até un máximo de 29 anos, no caso de homes; e un máximo de 34 anos, se son mulleres. Terán preferencia as persoas empadroadas na cidade, aínda que se deixará aberta a participación a outras de localidades contiguas.
Dende este proxecto anuncian que non se busca un perfil formativo concreto, senón que poderán participar mozos con estudos básicos; de Formación Profesional ou Bacharelato, así como diplomaturas ou licenciaturas universitarias. Asemade, non se solicita experiencia nun sector laboral determinado; senón que a participación está aberta a persoas con traxectorias variadas, de áreas laborais diferentes, con ou sen experiencia; ou con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral.
Na lanzadeira as 25 persoas elixidas reuniranse varios días á semana en locais cedidos polo Concello. Levarán a cabo sesións de adestramento e intelixencia emocional, dinámicas de comunicación, marca persoal e procura de emprego nas redes sociais e nas novas tecnoloxías da información; adestramento de entrevistas persoais; elaboración de mapas de empregabilidade, visitas a empresas, reunións con emprendedores e procesos de intermediación laboral con responsábeis de Recursos Humanos.
As persoas interesadas en participar dispoñen até o 7 de abril para inscribirse no programa, tanto en liña como a través da web de Lanzadeiras ou ben de xeito presencial no Centro de Iniciativas Empresariais (rúa Pai Feijóo, 1A) ou na Oficina de Atención ao Cidadán (Praza Maior, 1).

PUBLICIDADE