Finalmente desenvolveuse no caso vello de Santiago a actividade de Yuzz Santiago que anunciamos a comezos desta semana e que consistiu nunha simulación empresarial exprés na que os corenta participantes da dita aceleradora de proxectos innovadores compostelá tiveron que enxeñar un modelo de negocio innovador e potencialmente rendible a partir dos mínimos recursos: cinco euros de capital semente. Segundo nos contan os organizadores, ao longo de toda a tarde deste martes o centro histórico compostelán converteuse “nunha clase práctica para a mocidade emprendedora do proxecto Yuzz Santiago”. Ademais, comerciantes e veciñanza envorcáronse cos futuros empresarios, nuns casos mercando os seus produtos e noutros colaborando e agasallando artigos para que cada equipo de traballo lograse ao termo da xornada o obxectivo de montar o negocio exprés máis rendible da proba.
Ao acto inaugural asistiron José Manuel Bello, presidente de Compostela Monumental; Sol Vázquez Abeal, directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia; Juan José Lirón, subdirector xeral de Emprego da Xunta; María Antón, concelleira do Grupo Municipal Popular do Concello de Santiago, e Elena Pernas, coordinadora do Proxecto Yuzz Santiago. A iniciativa, que tamén serviu para dinamizar a zona e salientar os valores emprendedores entre a xente nova, contou coa participación da Asociación de Comerciantes e Empresarios Compostela Monumental.
O Reto dos 5, como lembraremos, consistiu nunha simulación empresarial na que 40 alumnos do Programa Santander Yuzz Mozos con Ideas, divididos en equipos de 2 persoas, tiveron que enxeñar un modelo de negocio a partir duns recursos limitados: 5 euros de capital semente.
O reto gañouno finalmente o equipo de yuzzers formado por Cristina Monreal González e Francisco García Esmorís, que lograron recadar 132,65 euros, dos cinco cos que partían para investir. Destinaron integramente todo o recadado ao Refuxio de Animais de Bando.
Máis sobre Yuzz
Como lembraremos, o programa Santander Yuzz, no que se insire Yuzz Santiago, é unha oportunidade para formarse de maneira gratuíta e adquirir habilidades profesionais e os coñecementos precisos para sacar adiante unha idea empresarial innovadora e de base tecnolóxica, da man de expertos de primeiro nivel. A carón da formación presencial en innovación, liderado, finanzas, mercadotecnia ou modelos de negocio, entre outros contidos, hai un equipo de titores que se encarga de asesorar aos participantes durante todo o programa.
Unha vez finalizado o proceso de formación, os mellores emprendedores de cada un dos centros viaxarán a Silicon Valley, en palabras dos organizadores do programa “a meca mundial da innovación”.
Ademais, o tres mellores proxectos de todo o ámbito estatal recibirán unha dotación económica para axudarlles a pór en marcha o seu negocio: 30.000 euros para o primeiro premio, 20.000 euros para o segundo e 10.000 euros para o terceiro; ademais dos premios nacionais outorgarase o premio Yuzz Muller dotado con 20.000 euros.
Este Programa está promovido por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e conta coa colaboración, a nivel local, da Universidade de Santiago de Compostela e da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. O programa desenvólvese en máis de 50 cidades con centros de formación propios en cada localidade. Nel participan, tamén, A Coruña e máis Lugo.
Yuzz Santiago dinamizou a cidade vella compostelá co seu reto dos cinco euros
Compartir Este Artigo

