Balidea vai dar continuidade ao seu labor formativo coa nosa mocidade, un compromiso do que xa falamos en Código Cero alá polo 2011 e que este mesmo ano fortaleceuse cunha colaboración co Posgrao de Xestión Empresarial da Innovación da Universidade da Coruña para achegar ao seu alumnado un acubillo de prácticas innovadoras (cómpre lembrar que Balidea está recoñecida como PEME Innovadora polo Ministerio de Economía e Competitividade). Pois ben, segundo vén de lembrar a empresa de Santiago, esta renovou a súa colaboración co Posgrao de Xestión Empresarial da Innovación da Universidade da Coruña. Unha vez máis, permitirase que unha parte dos estudantes faga as súas prácticas na sede ca compañía.
No que se refire ao cometido das e dos participantes, durante este período o alumnado deberá dar forma á simulación da posta en marcha dunha start-up, elaborando plan de empresa e mercado, o catálogo de produtos innovadores e, tamén, recreando reunións con posibles clientes.
Sen ir máis lonxe, os días pasados José Ángel Abeal e Pablo López Vidal, director de Desenvolvemento de Negocio e consultor de Balidea, respectivamente, impartiron unha sesión teórica no marco das clases do posgrao a modo de preparación previa ao período práctico.
A respecto do seu labor formativo actual, Balidea lembrou que mantén desde o curso pasado a colaboración con este posgrao, organizado pola Universidade da Coruña e dirixido por Jose Manuel Barreiro e Andrés Faíña da Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea. Tamén recorda que está dirixido a licenciados e graduados con e sen experiencia profesional, xestores de empresa, persoal directivo e profesionais, así como a universitarios de último ano de carreira ou en proceso de elaboración dos proxectos e traballos de fin de grao.
Os seus obxectivos principais son cubrir o baleiro de coñecemento e experiencia profesional na xestión da innovación na empresa; coñecer as técnicas actuais de innovación e desenvolvemento de novos produtos; desenvolver novos modelos de negocio; xestionar de xeito eficiente a innovación empresarial; e aprender e manexar de forma eficaz as ferramentas de xestión integral da empresa innovadora. Para iso inclúe a realización de prácticas por un mínimo de 100 horas en centros de investigación e tecnoloxía ou en empresas innovadoras como Balidea.
Balidea seguirá achegando prácticas ao alumnado de xestión da innovación da UDC
Compartir Este Artigo

