O ano pasado o fabricante chinés Elephone aterrou en España ofrecendo distribución e servizo técnico no territorio español, concretamente no Polígono Industria Monte Faquiña en Mos, e esta localización no contorno de Vigo nótase no xeito de proceder da compañía, que á hora de abordar a súa comunicación tamén opta polo talento galego, e vén de anunciar que pecharon un contrato de patrocinio co xogador profesional Mario González (@Yurner0s), mozo vigués que compite na Liga de Videoxogos Profesional (LVP), a Superliga Orange, e aspira a acceder á League of Legends Championship Series (LCS) europea, sendo o primeiro galego en asinar un contrato profesional para xogar a League of Legends.
@Yurner0s conta cun perfil público moi activo e social, que encaixa coa imaxe que quere transmitir Elephone. É un mozo estudante de enfermaría e amante do exercicio físico, que conta cun grande seguimento dos seus adestramentos diarios de League of Legends transmitidos a través de Twitch e que forma parte do equipo español de Origen.
Dende Elephone Spain consideran que esta colaboración forma parte da evolución natural da compañía, aproveitando as afinidades entre ambas partes, como manifestou o seu COO, Álex Cabo, quen asegura que «a marca quere imprimir a súa filosofía na canle gaming, desenvolvendo e comercializando un material de moi alta calidade a uns prezos moi competitivos, que é o que Elephone vén facendo na súa liña de telefonía móbil dende a súa fundación e o que outorgoulle a boa sona que arrastra neste sector».
Cabo engade que «non existe un mellor embaixador que @Yurner0s no mundo do gaming, e confiamos en que Elephone vai contribuír significativamente en axudarlle a conseguir os seus ambiciosos obxectivos» ao que o xogador vigués responde con ilusión a súa boa sintonía coa marca salientando «que estea afincada en Vigo, con ámbito nacional e proxección internacional fai que me sinta moi identificado. Estou convencido de que ambas partes aportaremos moito ao crecemento do outro grazas a este acordo».
Elephone confía nun xogador profesional vigués para promocionar a súa nova liña de produtos para gaming
Compartir Este Artigo
