O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante coas súas actividades de divulgación e formación tecnolóxica, ao abeiro das celebracións dos seus dez anos de andaina. Sen ir máis lonxe, este 29 de xuño organiza en Santiago a xornada Introdución a DevOps, uso de microservizos e tecnoloxía de contedores. A cita vén da man do CPEIG co patrocinio da firma HPE e a colaboración de ABANCA. Contarase cunha salientable equipa de expertos nas devanditas materias.
Segundo informa o CPEIG a conto dos porqués desta xornada, as tecnoloxías innovadoras de contadores amosan un importante potencial para o noso tecido produtivo, e de feito xa se teñen amosado as súas vantaxes para empresas e administracións en múltiples exemplos, axudándoas a ser máis áxiles, máis competitivas e a aliñarse axiña coa nova mentalidade dixital; “en definitiva, axudándoas a levar a cabo a súa transformación dixital”, sinala o colexio que preside Fernando Suárez, facendo fincapé nos cambios que estamos a vivir (transformacións nos xeitos de construír, despregar ou distribuír software) e como estes cambios veñen inducidos por tecnoloxías que crean contedores carrexables de aplicacións e eliminan as barreiras entre desenvolvemento e produción.
Na xornada do 29 de xuño os expertos participantes tentarán responder á seguinte pregunta: “Están as organizacións preparadas para levar os contedores á súa produción?”.
A asistencia ao encontro, que se celebrará no Centro ABANCA Obra Social, na Praza de Cervantes en Santiago de Compostela, é aberta, previa inscrición en introducion-devops.eventbrite.es/.
Programa
10:30h – 10:45h Apertura
Fernando Suárez – CPEIG
10:45h – 11:15h Torusware – Qué é DevOps e por qué os colectores axilizan a súa implantación
Guillermo López – CEO TorusWare
11:15h-11:45h Gartner – Gartner Research: Design Thinking and Innovation.
Erik Van Ommeren – Analista Gartner
11:45h – 12:00h Pausa para café.
12:00h – 12:30h Red Hat – DevOps, contedores e aplicacións Cloud nativas.
Ramon Gordillo, Solution Architect RH.
12:30h – 13:00h HPE – Infraestrutura como código para contornas DevOps.
Pablo Ráez, Category manager HPE.
13:00h – 14:00h Mesa Redonda. Aplicación e uso de DevOps, e tecnoloxías de colectores na empresa e administración.
Modera Guillermo Lopez, Torusware.
14:00h – 14:15h Peche da xornada.
Fernando Suárez – CPEIG
14:15h: Comida Networking.

