Aínda que inicialmente en YouTube causaban furor certos vídeos virais que poderiamos considerar domésticos, unha vez que a plataforma de vídeos de Google pechou acordos coa industria musical para compensar pola reprodución de música converteuse na principal canle de distribución de vídeos musicais e, en consecuencia, estes convertéronse nos vídeos máis reproducidos con moita diferenza, non porque sexan os máis vistos no momento, senón porque se manteñen no tempo (os clips virais tradicionais teñen unha vida moi curta).
Nos últimos anos puidemos ver como o fenómeno do Gangnam Style do surcoreano PSY callaba a nivel mundial, de xeito que cando superou os 805 millóns de reproducións converteuse no vídeo máis visto en YouTube en toda a historia da plataforma, e tamén foi o primeiro en superar a barreira dos 2.000 millóns de reproducións, o que parecía imposible de conseguir pero que agora xa o fan 14 vídeos musicais (e hai bastantes en camiño para facer o mesmo nos vindeiros meses).
Gangnam Style conservou a coroa de YouTube durante preto de 5 anos
Pero estes días puidemos ver como o tema See You Again de Wiz Khalifa coa participación de Charlie Puth conseguiu o que parecía imposible: superar ao Gangnam Style en máis de 3,8 millóns de reproducións, ou sexa, que un vídeo de 2015 logrou superar en 2017 ao que sostiña a coroa dende 2012, demostrando que cada vez é preciso menos tempo para conseguir un volume de reproducións máis elevado (consecuencia de que cada vez hai máis usuarios conectados a través de banda larga), aínda que cómpre advertir que de manterse as tendencias actuais o videoclip saído da banda sonora do filme Fast & the Furious 7 e que está considerado como o adeus ao finado actor Paul Walker vai manterse pouco tempo no trono, xa que un vídeo de primeiros de ano, o Despacito de Luis Fonsi con Daddy Yankee está xa en 5ª posición en volume de reproducións, polo que é de esperar que antes do remate do verán Despacito poida converterse no vídeo máis reproducido na historia de YouTube, o que podemos ver tamén como a constatación da globalización cultural.
Como mostra da velocidade de adopción dos últimos vídeos musicais mencionados temos que o See You Again precisou de 515 días para superar a barreira dos 2.000 millóns de reproducións, logro que ao Despacito só lle levou 154 días, converténdose no vídeo que máis rápido conseguiu superar tal marca.
See You Again é o actual rei de YouTube tras destronar ao Gangnam Style
