Anunciámolo os días pasados: Vigo ía converterse esta semana no epicentro da innovación dixital no plano educativo superior. Por que motivo? Pois pola celebración do sétimo Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra na sede de AFundación en Vigo contando coa participación de 180 profesionais da docencia e as tecnoloxías de varios países de Europa, América e Asia. O encontro, que comezou hoxe baixo o epígrafe Tendencias actuais das transformacións das universidades nunha nova sociedade dixital, vén da man das tres universidades galegas e o Foro Internacional de Innovación Universitaria. Segundo informou na apertura o director da Área de Calidade da UVigo e membro do comité organizador, Xosé María Gómez Clemente, trataranse ao longo destes días (ata o día 14) “os temas máis sobranceiros que atinxen á universidade, especialmente aqueles que teñen que ver coa transformación dixital, cos novos xeitos de entender a docencia centrada na aprendizaxe autónoma do alumnado e coa xestión das institucións, así como a responsabilidade social nun mundo cambiante”.
A nova edición do evento, que chega a Galicia logo de pasar por unha manchea de países (Chile, México, Euskadi, Costa Rica, Colombia e Paraguai), vai centrar o foco “na transformación que o impacto das tecnoloxías está a producir en todos os ámbitos da sociedade”, explicou Aurelio Villa, presidente do Foro, que agradeceu na apertura a “predisposición das institucións académicas galegas a participar neste encontro”.
Na inauguración tamén participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a secretaria xeral da Universidade, Gloria Pena, quen reivindicou o fomento do espírito crítico e apuntou os que considera tres grandes retos que enfrontan as institucións académicas: “Acadar o equilibro entre a estabilidade que precisa o coñecemento nunha sociedade tan cambiante como a actual; estender a innovación tecnolóxica sen esquecer que o maior recurso son as persoas e sobrevivir nun mundo global no que cada universidade debe diferenciarse das outras ao tempo que traballan conxuntamente”.
Pola súa banda, o asesor de Internacionalización da USC, Hector Rodríguez, e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez, gabaron a celebración dun congreso que, nas súas palabras, “permitirá ás e aos asistentes poñerse ao día en cuestións como os novos materiais, enfoques e técnicas”, ao tempo que se referiron á innovación como “o motor da transformación que debe estar incluída na estratexias das institucións”.
A continuación, interviñeron o reitor do Tecnológico de Monterrey, David Garza, e o docente emérito do University College London, Ronald Barnett. Na sesión de tarde, o director do Centro de Ética Aplicada da Universidad del Pacífico, François Vallaeys falou da Responsabilidade social universitaria en Latinoamérica: un marco político e de xestión para a innovación universitaria, mentres que desde o Centro de Investigación de Estudios Avanzados do Instituto Politécnico Nacional de México Judith Kalman ofreceu un relatorio titulado O académico, a escritura e o xiro dixital.
As sesións continuarán mañá e o venres con relatorios, mesas redondas, comunicacións e grupos de discusión co obxectivo de reflexionar sobre “a innovación nos novos enfoques de entender as carreiras universitarias” e “sobre os cambios na xestión máis innovadora que están a realizar algunhas universidades pioneiras”.
O Foro Internacional de Innovación Universitaria, FIIU, está integrado na actualidade por unha trintena de universidades españolas e latinoamericanas co obxectivo de promover o encontro de persoas e iniciativas arredor da innovación universitaria e potenciar esta na contorna universitaria, incorporándoa nos procesos das institucións de educación superior.
Até 180 persoas participan no Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra en Vigo
Compartir Este Artigo

