A empresa galega Balidea, centrada en servizos e ferramentas avanzadas do ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), vén de aparecer por vez primeira como empresa xeradora de riqueza no Informe Ardán Galicia 2017, o que significa, entre outras cousas, a certificación do pulo innovador e competitivo da firma con sede en Compostela, tanto a nivel galego, como estatal, como internacional. En palabras de Balidea, o devandito informe (feito polo departamento de Servizos Avanzados Consorcio da Zona Franca de Vigo) é “o documento de referencia para coñecer o estado do tecido empresarial galego”. Ou sexa, un dos seus diagnósticos máis certeiros. A edición deste ano presentouse este verán, constatando que as empresas TIC facturaron 1.400 millóns de euros en 2016, o que supuxo un 2,5% do PIB galego.
Volvendo a Balidea, a empresa recibiu a distinción xunto con outras 246 firmas das 18.235 rexistradas na comunidade. Entre os méritos para obter este indicador están “o bo comportamento dos resultados económicos e a redución do custo dos recursos”.
O propio director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez, explica nesta publicación (formato PDF) como se foi consolidando a estrutura de negocio ao longo destes 15 anos e avalía o proceso de espallamento nacional e internacional da empresa e o enfoque ao produto da área de I+D+i. Tamén fai saber detalles de gran relevancia, como o feito de que a empresa fose quen de facturar o ano pasado case 8 millóns de euros e de que a equipa profesional estea configurada, hoxe en día, por preto de 200 persoas, dos que o 95% (agás temas estruturas) son todos enxeñeiros ou técnicos en Informática. Lorenzo tamén lembra na devandita entrevista a importancia da I+D+i para a compañía, “unha área fundamental para consolidar estrutura e crear produto”, e, tamén, da busca de novos mercados (en Galicia pero tamén fóra, “sen ningún tipo de fronteira nin limitación xeográfica”).
Balidea, entre as firmas galegas máis xeradoras de riqueza
Compartir Este Artigo

