
A investigación afonda no emprego e nas posibilidades da criptografía cuántica, que emprega principios da mecánica cuántica, para garantir a absoluta seguridade da información transmitida. Este nivel de seguridade, sinalan os investigadores, é tan alto que, a día de hoxe, non podería ser quebrantado “nin con toda a capacidade computacional existente”. Porén, o estudo achega unha serie de claves importantes para asegurar que este nivel de confidencialidade sexa un nivel a proba de avances futuros.
O artigo publicado en Nature Communications presenta unha nova tecnoloxía que permite comunicacións cen por cen secretas a través de nodos de comunicación non-confiables e sen que os nodos poidan acceder á información transmitida. Igualmente, permite (por primeira vez) que os usuarios dunha rede poidan comunicarse “de maneira segura cos nodos da mesma para realizar por exemplo actualizacións de software”. Segundo Curty, isto implica un avance importante, xa que ata de agora, en topoloxías de rede tipo estrela, non se podía integrar e pór en marchar (sobre o mesmo nodo/equipo central) un servizo de comunicación cuántica segura entre usuarios, e ao mesmo tempo, ofrecer unha comunicación cuántica segura entre os usuarios co nodo central polas mesmas canles físicas. Neste traballo proponse e demóstrase que é factible nunha topoloxía de rede tipo estrela para as futuras redes de comunicacións cuánticas multiusuario.
Como exemplo das posibles aplicacións desta tecnoloxía, os investigadores empregaron a rede para transferir datos de xeito confidencial entre os diversos usuarios e nodos da mesma, así como para realizar sinaturas dixitais “de maneira incondicionalmente segura”.
AtlantTIC contribúe ás comunicacións seguras a proba de avances tecnolóxicos futuros
Compartir Este Artigo

