O Centro Tecnolóxico Gradiant e o Complexo do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) presentaron onte unha ferramenta tecnolóxica con gran potencial para mellorar o día a día das familias onde hai crianzas con problemas respiratorios. Trátase da aplicación móbil ReSVinet, unha app para móbiles e tabletas que permite aos pais medir a dificultade para respirar dos seus fillos.
A escala da tecnoloxía, validada para cativos menores de dous anos (aínda que o sector da poboación obxectivo da ferramenta é todo paciente pediátrico que presente o devandito cadro de saúde), vén da man dos grupos GENVIP (Grupo de Xenética, vacinas, infeccións e pediatría) do Hospital Clínico de Santiago, REGALIP (Rede Galega de Investigación Pediátrica) e a rede europea ReSVinet, coordinados por Federico Martinón e Antonio Justicia.
A aplicación que dá soporte á escala, con versións para iOS e Android, foi desenvolvida polo Centro Tecnolóxico Gradiant, e contou co apoio da Axencia Galega de Innovación e do Ministerio de Economía e Competitividade no marco da Estratexia Española da Innovación en Galicia.
Segundo nos conta Gradiant, a escala foi validada cientificamente por profesionais do servizo de pediatría da Xerencia de Santiago e permite aos pais, como dixemos, avaliar o estado clínico dos seus fillos menores de dous anos ingresados por dificultade respiratoria aguda, basicamente bronquite aguda. A aplicación móbil está dispoñible dende outubro deste ano, e posibilita a aplicación da dita escala tanto para profesionais sanitarios como para o ámbito familiar. Faino de dúas maneiras: unha rápida para persoas xa familiarizadas coa mesma ou dirixida a través de preguntas. Ademais o programa permite o almacenamento dos resultados con anotacións e comentarios para a súa posterior consulta, así como asociar diversos parámetros biomédicos.
Gradiant e o CHUS presentan unha app para medirnos a dificultade respiratoria dos nosos fillos
Compartir Este Artigo

