O venres da semana pasada celebrouse en Ourense (La Molinera) a segunda edición do demoday da iniciativa de traballo colaborativo Go2work Ourense, un programa organizado pola Deputación e o Ministerio de Industria a través da EOI, coa colaboración do Concello, e co obxectivo de “pór en valor casos de éxito empresariais e promover o emprendemento de iniciativas locais”. Nesta edición presentáronse unha vintena de proxectos de diferentes sectores económicos en materia de comercio electrónico, novas tecnoloxías aplicadas a diversos sectores tradicionais (gastronomía, agro, ensino, moda), servizos turísticos e saúde, entre outros.
Manuel Baltar, presidente da Deputación, salientou “a importancia da innovación, da formación e da información no coworking”, felicitando aos emprendedores que impulsan iniciativas “para convertelas en realidades empresariais partindo dunha boa idea, principal elemento para iniciar un proxecto consistente e duradeiro”.
Ao longo da xornada, amais de presentar as iniciativas cada un dos emprendedores participantes, desenvolveuse unha clase maxistral a cargo de Jorge Vázquez, director executivo de Redegal, quen mostrou as claves do éxito desta empresa tecnolóxica local, centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña.
Segundo lembrou no acto o concelleiro de Promoción Económica de Ourense, Jorge Pumar, os participantes formaranse ao longo de cinco meses no edificio de La Molinera “froito do convenio de cooperación co Concello de Ourense, unha formación que repercutirá positivamente no sector produtivo da nosa provincia”.
Pola súa banda, Javier de Benito, director do Departamento de Aceleración empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), dixo que os emprendedores “son os principais protagonistas desta iniciativa” e agradeceu á Deputación de Ourense a colaboración a prol das políticas que melloren a empregabilidade e as oportunidades para a mocidade.
Os emprendedores de Ourense locen capacidade innovadora
Compartir Este Artigo

