
Ao abeiro da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, seleccionaranse cinco propostas dinamizadoras de centros de titularidade da Consellería de Cultura e Educación que se consideren excelentes e que se dotarán con 2.000 euros co fin de que sexa posible levalas á práctica.
Segundo informa Política Lingüística, o profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos ditos proxectos recibirá apoio e asesoramento para o desenvolvemento das súas propostas. O seu labor será recoñecido cunha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado no caso da persoa coordinadora e de 20 horas para o resto dos docentes participantes.
Esta convocatoria súmase a outras da Consellería de Cultura e Educación (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou deste departamento xunto coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa) orientadas a promover a dinamización do galego nos colexios e institutos, dentro e fóra das aulas. Entre elas están as axudas aos equipos de dinamización da lingua, tanto de centros públicos coma privados, o apoio ao Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, a convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas ou o programa Nós tamén creamos!
O Goberno galego apoiará os proxectos máis salientables en materia dinamización lingüística innovadora
Compartir Este Artigo

