A entidade pública Red.es, a través do seu observatorio TIC (o observatorio ONTSI) vén de lanzar a nova edición do seu informe anual de contidos dixitais. Nel, entre outros datos de interese, desvélase un importante medre da devandita industria en 2016, que foi quen de incrementar a súa facturación (por terceiro ano consecutivo) ata acadar os 9.834 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,8% respecto ao ano anterior. No que atinxe ao número de empresas e profesionais do ámbito dos contidos, documentouse en ambos os casos unha suba do 1,8% en relación a 2015, chegouse á cifra de 9.749 empresas e 39.491 empregados.
No que atinxe aos datos desagregados, os sectores con maior cifra de negocio en 2016 son os de actividades audiovisuais (televisión e radio), con 3.753 millóns de euros, cinema e vídeo con 2.927 millóns de euros e investimento publicitario en medios dixitais (1.566 millóns de euros) que, en conxunto, aglutinaron o 83,9% da facturación.
No subsector de publicacións, a cifra de negocios de actividades dixitais alcanzou os 723 millóns de euros, mentres que a facturación das empresas de videoxogos situouse en 617 millóns de euros e a das de música e son foi de 164 millóns de euros. A facturación por outros servizos de información chegou á cifra de 85 millóns de euros.
O informe dá conta igualmente das principais tendencias do sector dos contidos dixitais. Entre outras cousas saliéntase que no mercado global “a industria dos videoxogos foi a que de maneira máis rápida se adaptou á distribución electrónica”, seguida polas industrias da música e o vídeo. Na investigación tamén se di que a reactivación do medre na industria da música e do vídeo “relaciónase estreitamente” co éxito mundial das empresas líderes, entre as que destacan Spotify, Apple, Music, Deezer e Netflix entre outras.
Pola súa banda, os xogos para móbiles seguen a gañar cota de mercado, mentres que a subscrición de vídeo baixo demanda está a consolidarse “como o principal modelo de consumo de vídeo”. De feito, entre 2011 e 2016, os ingresos xerados este tipo de servizo aumentaron un 71,8% anual en media.
En canto ao uso por parte dos individuos, o consumo de contidos dixitais realízase sobre todo polo smartphone, que é o dispositivo elixido polo 80,9% dos internautas. Porén, para acceder aos contidos audiovisuais a preferencia é a televisión conectada (62%) e o computador portátil (43,8%).
Medra novamente a facturación dos sector dos contidos dixitais, que superou os 9.800 millóns
Compartir Este Artigo

