O Goberno galego presentou hoxe, cun investimento público-privado de 63 millóns de euros, a nova edición do programa Conecta PEME (dirixido, entre outras cousas, a fomentar a cooperación entre pequenas e medianas empresas e os axentes do sistema autonómico de innovación) e as axudas para o equipamento dos centros tecnolóxicos. As iniciativas dadas a coñecer polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teñen o nexo común de avanzar noso medre económico baseado no trinomio I+D+i. Conecta PEME prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que se estima que participarán unhas 250 pequenas e medianas empresas. Segundo fixo saber o presidente, as iniciativas aprobadas desenvolveranse ata 2020 e prevese que xeren máis de 100 postos de traballo.
O orzamento que achega a Xunta ascende a 27 millóns de euros, un 8% máis ca na convocatoria anterior. As principais novidades desta convocatoria serán: máis puntuación para os proxectos que creen máis traballo e manteñan o seu persoal en Galicia; meirande valoración para aqueles proxectos máis próximos ao mercado; e a introdución dunha limitación sobre o número de proxectos nos que pode participar unha mesma empresa.
O titular do Goberno galego lembrou que, desde a súa posta en marcha en 2013, Conecta PEME apoiou investimentos por valor de máis de 100 millóns de euros en proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas.
No que atinxe aos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación, Feijóo salientou a nova iniciativa da Xunta para que poidan adquirir infraestruturas de alta calidade. Deste xeito, prevese que a axuda pública de 6,5 millóns de euros estimule un investimento privado do mesmo importe, polo que en total mobilizaríanse 13 millóns de euros.
Ao abeiro desta axuda, poderanse adquirir equipos científicos e técnicos, ademais de programas e aplicacións informáticas especializadas. O importe de compra debe ser dun mínimo de 100.000 euros.
“Este equipamento”, sinalou, “axudará a mellorar a excelencia investigadora e a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo, pois permitirá poñer a disposición das PEME galegas as capacidades dos centros tecnolóxicos”.
Conecta PEME mobilizará 50 millóns de euros en 70 proxectos innovadores
Compartir Este Artigo

