
Segundo puidemos saber os días pasados, o estudio coruñés ten a previsión de que a aceleradora se poña en marcha no segundo semestre de 2018. Para apuntalala e garantir ao máximo a súa repercusión (no mercado e tamén no ámbito da xeración de emprego e oportunidades), os impulsores da palestra empresarial estarían a procurar apoios nas administracións, entre as que se contan a Deputación da Coruña ou a Xunta, que, como lembraremos, enxalzou recentemente o papel da empresa (e do sector galego por enteiro) a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Nunha entrevista con Europa Press, Gato Salvaje recoñeceu que se ben a presenza galega no conxunto do sector estatal dos videoxogos non é aínda moi relevante, a nosa terra atesoura un gran potencial, en boa medida de profesionais do eido da animación, un eido parello e moi achegado ao ámbito dos videoxogos. A metodoloxía a seguir para o desenvolvemento da aceleradora sería en parte a metodoloxía lean startup, botando man de recursos de micromecenado para novos proxectos, ao estilo de Kickstarter, e con vistas a crear financiamento e, tamén, a xerar estudos de mercado e incrementar a comunicación con clientes reais e potenciais. Tamén se empregarían estas ferramentas para “facer” audiencias.
O sector galego do videoxogo quere crear este ano unha aceleradora de proxectos
Compartir Este Artigo

