A directora de GAIN felicita a Gato Salvaje polo seu pulo innovador

luns, 7 de agosto do 2017 Redacción

Os estudios Gato Salvaje durante a visita rencente da directora de GAIN, Patricia ArgereyA directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou hoxe as instalacións dunha empresa referencial galega en materia de desenvolvemento e deseño de videoxogos: a firma Gato Salvaje. Durante a estadía de Argerey no centro de operacións na Coruña de Gato Salvaje (responsábel de fitos tecnolóxicos como a exitosa aventura gráfica AR-K ou o xogo de acción Bullshot, que é o primeiro xogo publicado en galego na plataforma Steam), a directora de GAIN salientou “as oportunidades que abre o mercado dos videoxogos”, que medra máis dun 8% ao ano.
Argerey, ademais, felicitou á empresa polo seu esforzo por internacionalizarse e pola súa aposta pola formación como “xeito de diversificarse e crear emprego de calidade, cunha elevada cualificación a través da aposta pola innovación”.
Tamén lembrou, ao fío do exemplo de creatividade e pulo empresarial de Gato Salvaje, que “a innovación non é só para as grandes empresas, senón tamén para que as pequenas firmas poidan aumentar a súa competitividade grazas a apostar pola innovación e, deste xeito, impulsar o crecemento económico da nosa Comunidade”. Tamén lembrou “o esforzo que a Xunta está a facer por apoiar os proxectos de innovación de PEME e microPEME galegas a través de convocatorias como Innova PEME”, que está activada até o 25 de setembro cun orzamento de 5 millóns de euros e que “permitirá mobilizar 10 millóns, beneficiando arredor de 60 compañías da Comunidade”.

PUBLICIDADE