Para quen non tivo ocasión de participar na primeira edición do obradoiro de Vitae adicado a achegar formación avanzada sobre algunhas das máis eficaces ferramentas de xestión de datos (Excel, Powerb BI, R), dicirlle que a consultora galega vai organizar neste comezo de ano unha segunda entrega do devandito curso, unha actividade moi indicada para os nosos profesionais da innovación e, dentro deles, para os que precisan recursos que lles axuden a traballar con datos da maneira máis eficaz e, sobre todo, a avalialos en detalle no camiño de extraer pautas e conclusións de valor.
Segundo indica Vitae, trátase dun curso que bota luz sobre a importancia actual da información e de como esta medra a pasos axigantados, poñéndose de relevo como unha fonte importante de achados (sempre e cando deamos coas mellores metodoloxías de manexo e estudo). A segunda edición do Curso Ciencia de Datos con Excel, Powerb BI e R, de 20 horas, celebrarase na Coruña os días 9, 10, 16 e 17 de febreiro.
En termos máis concretos, o obradoiro fornecerá aos asistentes formación en conceptos e recursos como os usos e vantaxes dos histogramas, os gráficos de Pareto, os boxplots ou o Teorema de Bayes (que, na teoría da relatividade, emprégase decote para revisar probabilidades previamente calculadas cando se posúe nova información).
Segundo Vitae, ao remate deste curso de estatística aplicada os participantes estarán en posesión de novos e importantes coñecementos e habilidades no ámbito da ciencia dos datos. Os beneficios disto pasan en boa medida por outorgarlles a capacidade precisa para tomar as mellores decisións, amais de achegarlles unha sólida experiencia en estatística e probabilidade básica, o que axudará a unha mellor comprensión dos datos.
Os obxectivos do curso son os seguintes: subministrar formación avanzada en estatística (estatística descritiva, probabilidade básica, variables aleatorias, probas e intervalos de confianza, probas de hipóteses), visualización de datos con Excel e Power BI, coñecemento da ferramenta libre R para a análise de datos e visualización.
No que atinxe aos requisitos que se solicitan, para poder tirar proveito do curso debemos de estar familiarizados coa organización e a análise de datos en Excel, empregando as ferramentas que proporciona a folla de cálculo como táboas, táboas dinámicas e gráficos dinámicos.
O curso abrangue 20 horas de formación en catro xornadas de cinco horas cada unha.
Celebrarase no Hotel Attica 21 da Coruña.
O profesional que impartirá o obradoiro será novamente Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.
Vitae achega na Coruña o seu novo curso sobre ciencia de datos
Compartir Este Artigo
