
O premio (que ten unha contía de 3.000 euros) foi entregado por José Blas Valero, presidente do xurado da Fundación CNAE e foi recollido polo director executivo (CEO) da empresa galega, Jorge Costas. Na recollida do recoñecemento, Costas rememorou as orixes do proxecto e remontouse a hai uns tres anos, cando “o meu compañeiro Juan Torre e eu, que eramos membros da Garda Civil, démonos conta do problema que había cos atropelos nas estradas, e decidimos dar o salto, deixar o Corpo e fundar unha empresa para innovar en seguridade viaria”. E engadiu: “Hai persoas que aínda morren despois de sufrir un accidente leve ou de ter unha avaría, porque baixan dos seus vehículos e os demais condutores non os ven e atropélanos. Este premio é un orgullo e confirma que o esforzo merece a pena”.
Netun Solutions é unha startup viguesa fundada en 2016, co ánimo de xerar innovación na seguridade das estradas mediante novas tecnoloxías que conectan asfalto, persoas e máquinas. Froito deste compromiso abrollou Help Flash, un equipo de sinalización luminoso que advirte dunha emerxencia na estrada sen necesidade de saír do vehículo.
Para o desenvolvemento do dispositivo, do que xa se venderon máis de 40.000 unidades e ten presenza nunha manchea de países (Francia, Alemaña, Reino Unido, Portugal e Estados Unidos), o equipo de Netun Solutions contou coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e de asociacións de vítimas de accidentes de tráfico. Así mesmo, foi un dos proxectos impulsados na 4ª edición de VíaGalicia, a aceleradora de empresas da Zona Franca de Vigo.
Help Flash é un dispositivo de sinalización compatible coa normativa de seguridade viaria vixente, que fai visible un vehículo en menos de 30 segundos e ata 1 quilómetro de distancia en condicións de baixa luminosidade. Grazas a un reflector parabólico, que emite un triplo escintileo ámbar en todas as direccións, o vehículo avariado ou accidentado pode ser detectado polo resto de condutores. Netun Solutions ideou Help Flash “co fin de evitar o risco de atropelos derivados da escasa visibilidade á que fan fronte os condutores cando se dispoñen a colocar os triángulos para sinalizar a súa situación de emerxencia”. De aí a súa lema: Unha luz para salvar vidas.
A versión conectada, en 2018
Netun Solutions traballa nunha versión conectada de Help Flash, para convertelo nun dispositivo intelixente, que permitirá emitir avisos aos servizos de emerxencia ou á compañía de seguros. A nova tecnoloxía, que se presentará o vindeiro ano, terá capacidade para realizar unha chamada de emerxencia ao 112, se fose preciso, ou contactar coa compañía de seguros e facilitar datos como a localización do automóbil ou a matrícula, entre outros.
A viguesa Netun Solutions, recoñecida polas autoescolas estatais
Compartir Este Artigo
