A Deputación e a Confederación Empresarial de Ourense veñen de anunciar a posta en marcha dunha serie de servizos tecnolóxico-dixitais para incrementar a presenza no mundo das empresas locais, a súa competitividade e a súa capacidade de adaptación ás novas correntes e metodoloxías de xestión, mercadotecnia e comunicación. Entre estas medidas atópase un Servizo de Intelixencia Competitiva (SIC) que permitirá tirar proveito dos datos masivos (Big Data) que xera o mercado (sectores de actividade, industrias, competidores) para “achegar valor estratéxico ás empresas de Ourense”. Ademais, trátase de fornecelas de xanelas polas que ver claramente o futuro: os posibles escenarios futuro aos que poderán anticiparse e tomar as mellores decisións.
Estas iniciativas foron dadas a coñecer polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, que se reuniron os días pasados para analizar os obxectivos e iniciativas do Plan ExportOU 2018, de apoio á internacionalización de empresas ourensás. Na xuntanza, na que participaron tamén o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, e a responsable do Departamento de Exterior da entidade empresarial, María Fernández, analizáronse outras iniciativas que se desenvolverán no marco do Plan ExportOU 2018, como son: a organización de feiras virtuais inversas; as axudas á primeira exportación para empresas ourensás, e o desenvolvemento dunha estratexia de dixitalización de empresas para potenciar a súa presenza na Rede e seguir mellorando na visibilidade de servizos e produtos a través de Internet.
Manuel Baltar afirmou que esta alianza estratéxica coa CEO “contribúe a incrementar a competitividade e a abrir mercados de exportación das empresas da provincia de Ourense”, un labor de colaboración que a Deputación desenvolve conxuntamente cunha entidade como a CEO, “que ten un compromiso co dinamismo económico, social e cultural da provincia de Ourense e que como goberno provincial apoiamos”. Tamén lembrou que existen precedentes da entidade provincial neste fortalecemento e impulso da actividade empresas, como o Observatorio Económico Ourense, que achega información detallada por concellos e comarcas e “que axuda ao coñecemento do noso entorno e favorece a planificación dos obxectivos das políticas públicas que impulsamos”, salientou Baltar.
A Deputación de Ourense e a CEO queren aproveitar a información da Rede para abrir mercado
Compartir Este Artigo
