A Fundación Carlos Velo, adicada a visualizar a obra e o legado do cineasta galego de Cartelle, vén de pór en marcha un portal web cos mesmos obxectivos de reivindicación, pero expandidos aos escenarios dixitais e, polo tanto, con máis amplitude de comunicación. Estamos a falar da páxina www.fundacioncarlosvelo, unha web de coidado deseño e cun marcado compoñente visual, onde todos os elementos comparten a mesma arela: facer comunidade arredor do creador galego, que, en palabras da fundación, converteuse en referente do cinema documental en España durante a República e que foi, no exilio mexicano, un sobranceiro realizador na cinematografía do pais azteca e un director de proxección internacional grazas a títulos como Torero ou Pedro Páramo, entre outros.
Para quen non o saiba, Velo tamén destacou polo seu importante traballo a prol da proxección da cultura galega no mundo. De feito, xunto con outros tres ourensáns, Luís Soto, Florencio Delgado Gurriarán e Elixio Rodríguez, entre outros moitos, puxo en marcha a revista Vieiros, da cal se cumpren agora 50 anos dende que deixou de publicarse e que constitúe a publicación de pensamento social, político e cultural de máis calidade da historia da emigración galega.
Segundo nos conta a fundación, a web está operativa dende o día 1 de marzo, coincidindo co trinta aniversario do pasamento de Carlos Velo e incide en aspectos como a súa biografía, a súa filmografía, así como no funcionamento da propia fundación, actividades, estatutos, etc., sen esquecer unha ampla galería fotográfica sobre o seu transcurso vital e profesional.
A Fundación Carlos Velo lanza unha web dar a coñecer o cineasta galego no mundo
Compartir Este Artigo
