A semana pasada o Concello de Lugo abriu a programación da terceira fase de Inicia Coworking, o plan de apoio ao emprendemento local. A nova andaina da iniciativa, impulsada polo Executivo lucense en colaboración coa Escola de Organización Industrial, inclúe a posta a disposición dos participantes de nove locais comerciais no barrio da Tinería, no que se porá en marcha un viveiro de firmas a pé de rúa. O obxectivo, segundo fixo saber a alcaldesa Lara Méndez nunha xuntanza coas/os 22 emprendedoras/es de Inicia Coworking, é “dinamizar social e economicamente o barrio”. A cita celebrouse no CEI Nodus e nela fíxose fincapé na calidade e e no interese que espertan os proxectos acubillados, entre os que se contan un buscador online de animais para cruces entre razas seleccionadas e iniciativas de domótica, eficiencia enerxética, turismo sustentable e accesible, adestramento canino, interiorismo, teatro ou organización de eventos.
Na xuntanza desenvolvida no CEI Nodus Méndez salientou “o éxito de Inicia para o impulso do tecido empresarial lucense e a creación de emprego, en tanto que máis do 60% dos 44 emprendedores que tomaron parte nas dúas primeiras fases están a día de hoxe en marcha e facturando”.
Tras o encontro, procedeuse a plantar un carballo no exterior do CEI Nodus, que simboliza “o desexo de que xerminen as iniciativas empresariais participantes”. Na segunda edición plantouse un castiñeiro tamén no exterior do Centro de Empresas e Innovación.
O Concello e a Escola de Organización Industrial co-financian o Inicia Coworking, un plan que ofrece gratuitamente un apoio integral, individual e personalizado para lanzar con éxito un negocio, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira. Deste programa resta unha fase, a cuarta, que se desenvolverá no segundo semestre deste ano e que dará a oportunidade a polo menos outros 20 emprendedores de lanzar o seu propio negocio.
Inicia Coworking Lugo impulsa buscadores en liña, servizos de domótica e recursos de eficiencia enerxética
Compartir Este Artigo
