O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai dar acubillo a semana vindeira, o 4 de abril, a unha xornada as posibilidades do software aberto para o manexo eficaz, eficiente e rendible de información a gran escala. Estamos a falar da sesión Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD, na que, con horario de 9.30 a 14.00 horas, botarase luz sobre as potencialidades da dita ferramenta en materia de coñecemento Big Data.
Segundo informa AMTEGA, a plataforma de código aberto Ceph é un sistema de almacenamento programable, distribuído, flexible e con ampla capacidade de adaptación a diferentes contornas, con capacidade para ceibar ás empresas das custosas solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware.
No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitir ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas “coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización”.
A xornada contará coa colaboración das empresas Red Hat, Supermicro, Colabora Ingenieros, Cumulus Networks, Dinahosting e Igalia. A actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con demandas en materia de deseño, aprovisionamento de software e hardware e integración, posta en marcha e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e con capacidade de adaptación/evolución (o que se coñece como escalabilidade).
Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
As posibilidades de xestión de datos masivos do software aberto Ceph, ao detalle no CDTIC
Compartir Este Artigo
