A Fundación TIC da Deputación de Lugo anunciou hoxe un importante fortalecemento da súa actividade formativa e divulgativa, un proceso que tamén pon en xogo un relevante reforzamento das súas ramificacións na provincia, abranguendo o rural. Segundo fixeron saber os responsables da entidade lucense, esta incrementará nun 60% o número de cursos e obradoiros de novas tecnoloxías para maiores no segundo trimestre do ano, dos que 12 impartiranse na provincia. Os datos foron achegados esta terza feira, martes, polo presidente da Deputación, Darío Campos, durante a presentación da nova programación do InLugo, na que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O prazo de inscrición xa está aberto en www.fundaciontic.org e en www.deputacionlugo.gal, ou chamando ao teléfono 982 225 186.
Campos Conde subliñou que “como alcalde dun concello pequeno, o da Pontenova, coñezo de primeira man a utilidade das novas tecnoloxías na vida cotiá dos maiores que residen no rural e as posibilidades que ofrece esta ferramenta nas súas relacións con familiares e amigos”. Por iso, engadiu, “este trimestre imos facer un esforzo especial para retomar as actividades do InLugo na provincia”. Desta volta, o programa inclúe 12 obradoiros, maioritariamente de Internet e de uso do móbil, que, segundo fixo saber, son os máis demandados. “A nosa vontade é que, en función dos nosos recursos, cheguemos a toda a provincia en futuras edicións”, engadiu.

Darío Campos dixo que tamén se están a atender as demandas dos usuarios coa incorporación de novas materias, como por exemplo un curso de Instagram, “unha rede social que está moi de moda e na que os maiores poderán compartir as súas fotos”, ou outro obradoiro de Word que, por primeira vez, estará enfocado á Memoria Dixital, a iniciativa da Deputación para dinamizar tecnoloxicamente as comarcas lucenses a través da recuperación e posta en valor do seu pasado (dixitalizando contidos e todo tipo de materiais achegados pola veciñanza). Segundo explicou o titular da Deputación, a incorporación do curso de Word responde a un interese concreto das usuarias e usuarios de Memoria Dixital, que precisaban de ferramentas que lles permitisen dar conta por escrito das súas historias e anécdotas, que agora poderán engadir ao banco de recordos dixital.
Por outra banda, os cursos con máis demanda, os de móbil, Internet e tabletas, ampliarán o número de horas. Deste xeito, os de móbil e Internet pararán a ser de 4 días, e o de tabletas, de tres. Tamén aumentará o número de cursos de reforzo e os obradoiros de memoria.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo encherá o rural de cursos tecnolóxicos para maiores
Compartir Este Artigo
