Vigo está a dar forma a un Mapa Literario para percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras. O roteiro, que ten xa páxina web de seu (o seu alicerce para os percorridos a pé), inclúe un total de dez itinerarios que pasan por todos os barrios marcando os principais fitos dos diferentes libros incluídos. Estes itinerarios e máis o sitio dixital foron dados a coñecer este 23 de abril polo alcalde, Abel Caballero, con motivo do Día do Libro. Segundo fixo saber, o novo Mapa Literario de Vigo é unha iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para “mostrar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores”.
En palabras do rexedor, “estamos ante unha magnífica e imaxinativa iniciativa para divulgar o libro e a cultura de Vigo”, engadindo o agradecemento do Concello e da cidade aos responsables do proxecto e ás editoriais locais como Xerais, Galaxia ou Elvira. Segundo engadiu, o proxecto está configurado para medrar ·a medida que aparezan novos títulos” e concibiuse como “un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena”.
O proxecto abrangue a realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes Paradas Literarias, que, segundo apunto Caballero, teñen o nome das novelas que dalgún xeito están ligadas ao emprazamento en cuestión. Todos estes datos, amais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com. Aí podemos atopar os porqués do proxecto, as liñas literarias dispoñibles (en proceso de medre), as paradas bibliográficas e as localizacións. Tamén podemos descargar o mapa en si mesmo.
As rutas están protagonizadas por autores como Julio Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado, Carlos G. Reigosa e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.
A web do Mapa Literario de Vigo colle pulo con dez rutas de libro
Compartir Este Artigo
