O Concello de Lugo vén de mostrar os detalles do seu proxecto Lugo Smart City nun dos principais encontros europeos (e o máis referencial a nivel español) de cidades e de estratexias tecnolóxicas para facelas máis sustentables e conectadas e mellor xestionadas. Estamos a falar da novena edición de Greencities, o Foro de Intelixencia e Sustentabilidade Urbana, que se celebrou ata onte no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga (FYCMA). O Concello estivo representado polo enxeñeiro municipal, Miguel Ángel Negral, quen lembrou que Lugo Smart City é unha iniciativa de 4,1 millóns de euros para converter a cidade da Muralla nunha urbe intelixente, eficiente e respectuosa co medio ambiente, máis accesible, cómoda e humana, con máis espazos públicos para uso público e coa persoa no centro de toda acción política.
Máis en detalle, Negral deu conta dos devanditos detalles no networking do Foro, que convoca a profesionais, empresas e representantes de administracións públicas e institucións ligadas á edificación e á rehabilitación sustentable, á eficacia enerxética e ao desenvolvemento de cidades intelixentes, á gobernanza, ao medio ambiente, á mobilidade intelixente e ás oportunidades de financiamento. O obxectivo é que os ditos representantes das entidades públicas interactúen cos profesionais e as empresas vencelladas ao desenvolvemento das Cidades Intelixentes, favorecendo a presentación e posta en común de solucións e casos de éxito para atender as demandas municipais e crear oportunidades de negocio.
O Concello de Lugo salientou as importantes oportunidades que se abren co evento de Málaga, que na pasada edición reuniu a 200 cidades e 38 países, con máis de 3.400 visitantes e 900 empresas e entidades presentes.
Como lembraremos, o proxecto Lugo Smart City inclúe actuacións concretas como a implantación integral da Administración Electrónica, o impulso da tarxeta cidadá (co que a veciñanza lucense poderá efectuar distintos trámites, como o pago de recibos) e o afianzamento da xestión intelixente do control do alumeado na zona rural e urbana, dos colectores de auga, de refugallos sólidos urbanos ou da eficiencia enerxética en dependencias municipais. O proxecto tamén abrangue (entre outras cousas) unha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais baseada no SIX (Sistema de Información Xeográfica) para a xestión administrativa, económica, urbanística, ocupación da vía pública, infraestruturas e mobiliario, e a mellora do portal de transparencia.
En total, o proxecto dá acubillo a 9 iniciativas, entre as que tamén se atopa a xestión de aparcamento a través de sensores (aparcadoiro intelixente), que permita ás persoas usuarias coñecer a dispoñibilidade de estacionamento a través dunha aplicación móbil.
Lugo presenta o seu proxecto Smart City no principal encontro de Cidades Intelixentes de España
Compartir Este Artigo
