A Administración Electrónica segue a dar pasos importantes en territorio lucense. Este ano, sen ir máis lonxe, mobilizáronse dende a Deputación preto de 107.000 euros para tal obxectivo en 18 municipios. Estes convenios, formalizados ao abeiro do Plan das TIC, axudan ás administracións locais a cumprir cos novos regulamentos tecnolóxicos, que obrigan ás entidades a ser transparentes, eficientes e dixitais, ao tempo que garanten as máximas medidas de seguridade dos datos e privacidade.
En termos máis concretos, o Plan das TIC é o programa de cooperación cos municipios a través do cal o organismo provincial concede ás entidades locais fondos para que cumpran coas leis do Procedemento Administrativo Común e de do Réxime Xurídico do Sector Público.
Segundo explica a entidade provincial que preside Darío Campos, as ditas normativas obrigan aos Concellos a contar con sedes electrónicas, rexistro telemático, sinatura dixital, así como a ter dixitalizada toda a documentación ou garantir a interoperabilidade entre administracións. É dicir, que entre as mesmas custodien e compartir a información dos cidadáns para non terse que presentar de maneira reiterada. Ademais, explica a Deputación, “os cidadáns poderán saber en que punto se atopa o seu trámite cun só clic, sen necesidade de desprazarse á administración”.
Sobre as orixes destes traballos, remóntanse aos avances que supuxo o Innova-TE nos 47 municipios que decidiron sumarse a este programa tecnolóxico da Deputación, avances que en 2016 levaron ao Goberno provincial a destinar 300.000 euros aos Concellos para que cumprisen con estas leis. O Executivo decidiu distribuír estes fondos con “criterios totalmente obxectivos”, atendendo a parámetros como a densidade de poboación, a superficie, o esforzo fiscal e os núcleos de poboación, e facendo que os municipios recibisen entre 3.300 euros e 9.000 euros.

A través do Innova-TE, o Goberno provincial non só levou as sedes electrónicas, os portais web ou a banda larga aos Concellos, senón que tamén quixo dotalos de equipamento, ofreceu formación aos traballadores públicos e desenvolveu campañas de sensibilización cidadá. Os fondos deste programa tecnolóxico fixeron realidade tamén a posta en marcha do primeiro Centro de Innovación Social (In Lugo), que fornece de formación de balde sobre novas tecnoloxías a unha media anual de 3.000 maiores da provincia; así como do Portal de Transparencia ou a factura electrónica, entre outras moitas iniciativas.
Respecto dos datos actualizados, os de 2018, estes serían os importes solicitados á Deputación para os devanditos obxectivos de xestión tecnolóxica: Alfoz 5.470 euros, Baleira 5.500 euros, Bóveda 8.526 euros, Burela 9.865 euros, Cervantes 4.578 euros, Cospeito 3.000 euros, Chantada 16.000 euros, Fonsagrada 3.217 euros, Guitiriz 6.110 euros, Guntín 3.050 euros, Mondoñedo 10.270 euros, Monterroso 6.233 euros, Navia de Suarna 5.528 euros, Palas de Rei 6.000 euros, Páramo 5.803 euros, Pedrafita do Cebreiro 2.500 euros e Pol 5.229 euros. A estas contías habería que engadirlles outros 5.600 euros, que son os que poñen a maiores os Concellos. O total destas sumas é o investimento na provincia de 2018.
A Deputación de Lugo impulsa a Administración Electrónica nos concellos da provincia
Compartir Este Artigo
