Xa está en marcha a fase de aceleración da nova edición (a quinta) de aceleradora empresarial e innovadora da Zona Franca de Vigo e a Xunta, ViaGalicia. Segundo veñen de informar as ditas entidades, con este mes de maio comezaron o seu camiño máis decisivo, o de impulso e despegue definitivo, un total de dezaseis proxectos empresariais. O seu acubillo, como noutras edicións, está situado no Centro de Negocios de Porto do Molle. Por sectores, o sector das novas tecnoloxías da información é novamente un dos sectores estrela.
E que implica para estas novas empresas a fase de aceleración? Pois que durante un período de medio ano, un equipo de titores e mentores especializados en distintos eidos empresariais (produto, finanzas, internacionalización, mercadotecnia), traballarán de maneira intensiva cos emprendedores “co obxectivo de avanzar na posta en marcha dun modelo de negocio definido, preparándose así para a súa presentación a posibles roldas de financiamento”.
Como lembraremos, a comezos do mes de abril o Comité Técnico de ViaGalicia seleccionou estes 16 proxectos (dos máis de 200 presentados nesta edición) tras analizar entre outros elementos a súa capacidade de retorno do investimento ou a súa relevancia estratéxica dentro do tecido empresarial galego.
As novas empresas que agora comezan esta nova andaina de maduración pertencen ao sector TIC, ao agroalimentación, á música, á artesanía ou ao motor, e ademais do proceso de aceleración en si mesmo, poderán dispor de ata un máximo de 125.000 en axudas directas e de capital risco.
En total, ViaGalicia mobiliza nesta edición ata 1.875.000 euros de financiamento para emprendedores, entre préstamos participativos e achegas a fondo perdido. Dende as entidades impulsoras saliéntase que estamos ante “unha gran oportunidade para as/os emprendedoras/es seleccionadas/os, non só polo acceso a financiamento senón tamén e sobre todo pola evolución positiva e maduración que experimentan as empresas participantes”.
Os proxectos
Entre os proxectos elixidos atópanse Alén, fabricante de satélites chave en man; AuthUSB, que deseñou unha ferramenta para a prevención de todo tipo de ataques en dispositivos USB; Direct Dump, un sistema que facilita un proceso de autocertificación forense dirixido a peritos informáticos ou forzas de seguridade; Data Monitoring, que deseña solucións IoT (Internet Of Things) de seguimento de depósitos de auga e leite e RocketForms, plataforma que xera formularios interactivos para a súa inserción en páxinas web.
Dentro da contorna dixital atópanse os proxectos Livetopic, asesor financeiro en liña; Legalmit, bufete virtual en liña para avogados; ou Tidyant, unha aplicación para a xestión do ciclo de venda e post-venda de empresas de servizos técnicos. Ademais, seleccionáronse iniciativas como Ertha Surfboards, fabricante de táboas de surf eco-friendly; Xtonebox, adicada á fabricación de equipos vintage de alta fidelidade e audio profesional; ou Colibrí, centrada na venda de scooters con deseños atractivos e a última tecnoloxía en mecánica.
A agroalimentación tamén estará presente, coa escolma de catro proxectos relacionados co sector: Galician Brew, premiada gama de cervexas con personalidade propia; Bisqato, nova marca galega de queixos e pastas brandas de calidade; Orballo, a primeira plantación de té ecolóxico certificada de Europa; e Grilier, sazonador gourmet saudable para grellada.
Ademais, aos quince proxectos devanditos cómpre sumar Emsamble, dirixido ao desenvolvemento dun sistema de arquitectura modular que chegou ata a fase de Academia da anterior edición e que agora obtivo pase trala súa inscrición na convocatoria extraordinaria Fast Track que ViaGalicia abriu por primeira vez o pasado mes de febreiro.
Dezaseis novas empresas comezan a fase de aceleración en ViaGalicia quinta edición
Compartir Este Artigo
