Onthebus e a Asociación de Empresarios de Redondela veñen de xuntar forzas para lanzar un proxecto formativo avanzado ao servizo de autónomos, emprendedores, comercio e PEME locais. Trátase do proxecto Format-e, que aglutina diferentes achegamentos á realidade actual das novas tecnoloxías e achanda o camiño para a dixitalización dos profesionais e das empresas de Redondela e a súa contorna.
As actividades formativas achéganse baixo a fórmula dos workshops e teñen en común seren intensivas (non máis de tres horas por obradoiro) e ofrecer unha visión e conceptos básicos das temáticas escollidas (idea-cliente, profesionais dixitalizados e mercadotecnia dixital).
Segundo nos conta Onthebus, os cursos están a ser impartidos por profesionais ou empresas en activo, “o que proporciona aos asistentes a posibilidade de crear a súa propia rede de contactos de confianza”. Asemade, fornécese aos asistentes de acceso a un acubillo de cartafoles por cada obradoiro e temática onde poden atopar as presentacións de cada taller e, tamén, información actualizada e de interese proporcionada polos mentores.
Durante o mes de abril que vimos de deixar atrás celebráronse na sede da asociación os primeiros talleres, Mini Web e SEO Basico, obtendo un alto número de participantes e unha retroalimentación positiva. As actividades proseguen este 11 de maio cun meetup a celebrar no Auditorio José Figueroa. Na cita, Hoxe cribamos a un emprendedor II, darase aos asistentes a oportunidade de escoitaren de primeira man o longo proceso que supón pasar dunha idea innovadora a un negocio, “pero esta vez desde unha perspectiva feminina”. Amais, os participantes poderán resolver todas as dúbidas sobre a parte legal do desenvolvemento de software, plataformas web, condicións de uso etc… da man da emprendedora Bárbara Román, co-fundadora e directora executiva de NoLegalTech.
