Entre os principais recursos dos que podemos botar man para acadar os mellores resultados en desenvolvemento de software atópanse sen dúbida React e Redux, dúas librarías completas e avanzadas que nos axudan (e moito) a crear interfaces de usuario e máis controlar o estado das nosas aplicacións, introducindo factores importantes de facilidade, eficacia e simplicidade. En base ás súas grandes vantaxes, existe unha demanda cada vez maior entre os nosos profesionais do desenvolvemento para atopar formación avanzada que lles permita tirarlles o máximo proveito. Para atender esta demanda, a consultora galega Vitae convoca regularmente o seu Curso React e Redux: Desenvolvemento frontend moderno. Para quen queira introducirse ao máximo nas ditas ferramentas, o obradoiro chegará este mes de xuño á súa quinta edición, na Coruña (Hotel Attica 21) os días 1, 2, 8 e 15.
Unha vez máis, o obxectivo da actividade formativa é achegarnos os recursos precisos para lograr os mellores resultados nos acabados finais dos nosos produtos TIC, produtos dinámicos, flexibles, con capacidade de evolución, doados de xestionar e de testar.
Segundo informa Vitae, React é unha libraría Javascript para construír interfaces de usuario que nos facilitan ao máximo a creación de compoñentes personalizados. A maiores, sinala a consultora, “é extremadamente eficiente e flexible” e ten capacidade para afacerse a novas contornas e necesidades. Por outra banda, atesoura recursos para xestionar a vista e os seus estados de xeito sinxelo, “o que incrementa a produtividade no desenvolvemento de aplicacións”.
Respecto da súa orixe, React foi materializada e mantida por Facebook, e arestora é unha ferramenta en proceso de rápido espallamento. Está a ser empregado pola devandita rede social e por outras de primeiro nivel como Instagram, Netflix, Paypal, Imgur, Feedly ou Airbnb. Por outra parte, é código aberto, polo que conta con respaldo de desenvolvedores de todo o mundo, garantindo o seu bo funcionamento e a súa axeitada evolución.
Redux, pola súa banda, é un contedor de estado que funciona de maneira preditiva e que nos axuda a xestionar o estado dunha aplicación cando esta incrementa a súa complexidade. En parte foi posta en funcionamento por Flux, que é o patrón de arquitectura de aplicación que empregan Facebook e outras moitas compañías no desenvolvemento de aplicacións React.
“Neste curso”, explican dende a consultora, “o alumno aprenderá a empregar estas tecnoloxías, xunto con outras como o xestor de paquetes de Node (npm) e Webpack para aumentar a súa produtividade ao ser quen de desenvolver aplicacións modernas que sexan flexibles e sinxelas de manexar, manter e probar”.
Este obradoiro insírese na estratexia de Vitae a prol de mellorar a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector das novas tecnoloxías da información, centrándose na mesma medida nos aspectos humanos e organizativos que nos aspectos tecnolóxicos.
O encargado de impartir estes contidos será Félix Horro Pita, enxeñeiro técnico en Informática e profesional con máis de 13 anos de experiencia como programador na empresa Corunet, amais de co-desenvolvedor de grandes proxectos para empresas do talle de Inditex, Abanca ou BricoKing.
React e Redux e as súas potencialidades para lograr os mellores produtos TIC centran un novo obradoiro de Vitae
Compartir Este Artigo
