Quen quixera robótica e espírito maker (o espírito de “se queres podes” aplicado á tecnoloxía) tivo hoxe unha boa oportunidade de enchouparse nestas cuestións tecnolóxicas na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Porque de tecnoloxías para facer e usar sen cancelas é do que tratou a Competición de Robots da dita Escola, unha cita na que participaron (logo de meses de arduo traballo) un milleiro de alumnas e alumnas das nosas catro provincias, mostrando “en sociedade” os seus enxeños. Por exemplo máquinas para traballar no agro, para non ser detectadas polas demais máquinas ou simplemente para trasladarse do recanto a outro dun edificio sen tropezar con obxecto algún.
A cita, que contou coa colaboración dos estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e de International Society of Automation, convocouse co obxectivo de introducir no día a día a rapazada o manexo común de novas tecnoloxías, robots e disciplinas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas).
Este ano contouse coa participación de 183 equipos, o que sitúa a edición deste ano como a de meirande poder de convocatoria.
A competición artellouse novamente en dúas categorías: Wall-E, dirixida a estudantes de ensino secundario e Bacharelato, e R2D2, orientada a ciclos superiores e estudos universitarios. En total, tomaron parte no concurso 174 equipos en Wall-E e nove en R2D2, cada un deles co seu propio robot, deseñado, construído e programado por elas e eles mesmos.
Ao longo da mañá, cada equipo tivo que poñer a proba as súas creacións e algúns grupos mesmo tiveron que realizar axustes “a pé de pista” con ordenadores portátiles, desparafusadores e mesmo cinta adhesiva para arranxos de última hora. Á hora de competir, houbo que facer que os robots seguiran unha liña e evitasen obstáculos. Logo celebrouse unha proba de sumo entre enxeños. Finalmente, e tras varias clasificatorias, na categoría Wall-E, o equipo Tecnoval 2 do IES de Valadares foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; ElectroTeam do CPR Liceo la Paz impúxose entre os equipos de 3º e 4º da ESO e o Brión 1 do IES de Brión nos de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo JAN do Colegio de Fomento Montecastelo. Ademais, o xurado outorgou galardóns á orixinalidade, na categoría Wall-E para o IES San Rosendo Amolou 4 en na de R2D2 para Las leyendas da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.
Un milleiro de escolares participaron na competición de robots da UVigo
Compartir Este Artigo
