Este 12 de maio temos en Lugo unha cita coa robótica, as cousas maker (creación de tecnoloxía ao alcance de todas as mans) e todo aquilo que ten que ver co día de mañá e o progreso tecnolóxico colaborativo. Estamos a falar dunha nova edición (a quinta) do Arduino Day, organizado por Makers Lugo e coa colaboración do CEI-Nodus e máis do Concello. Será, novamente, unha xuntanza moi concorrida, participativa e interxeracional (con argalleiros de todas as idades). A cita deste 12 de maio foi dada a coñecer no Edificio de Novas Tecnoloxías pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto ao presidente da Asociación Makers Lugo, José Manuel López.
Segundo fixeron saber, a xuntanza expón diversas iniciativas relacionadas coa placa Arduino, unha plataforma de hardware libre para a creación de proxectos interactivos ademais de competicións de robots e obradoiros educativos para as persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre tecnoloxías. Na presentación, na que tamén estiveron presentes outros membros da Asociación MakersLugo, Ana Prieto convidou a todas e todos os lucenses a achegarse ao CEI-Nodus e visitar este evento aberto a todo o público que “nos permite aprender e coñecer variedade de proxectos e iniciativas de makers da cidade e tamén de fóra da contorna de Lugo”. Con esta programación, explicou, “unímonos a centos de celebracións que se realizarán o mesmo día e por todo o mundo, para homenaxear o nacemento desta plataforma que nos permite construír dispositivos dixitais”.
A cita de Lugo poderá visitarse en horario de 10:30 á 13:30 horas e de 16:30 á 19:00 horas e contará coa presenza e as iniciativas de argalleiras/os que ofrecerán aos visitantes unha gran variedade de proxectos de impresión 3D, de robótica auditiva e de electrónica ou de CNC, entre outros. Ademais as persoas interesadas en mostrar o seu traballo, ideas ou aparellos baseados no Arduino, participar en competicións de robots ou en talleres educativos poden apuntarse na ligazón www.makerslugo.org
Nesta liña, José Manuel López, agradeceu o apoio ao Concello que “un ano máis colabora con esta xuntanza e dota dunha maior visibilidade o mundo do Arduino, a robótica ou a impresión 3D”.
A nosa comunidade argalleira xunta forzas este 12 de maio en Lugo
Compartir Este Artigo
