O Concello de Lalín vén de facer balance do acadado en repercusión e participación cidadá arredor dunha das súas principais vertentes de goberno electrónico: as retransmisións con tecnoloxía streaming dos seus plenos. As cifras foron dadas a coñecer a semana pasada polo concelleiro Tomás Vilariño, quen mostrou a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa, que “permitiu acadar os obxectivos de avanzar nas cuestións de transparencia e abrir os plenos a toda a cidadanía”. Segundo fixo saber, as retransmisións acumulan preto de 14 mil visualizacións a través de YouTube dende a primeira emisión en decembro de 2015.
Segundo engadiu nun plano máis concreto,” a falta de sumar as visualizacións do último pleno, a día de hoxe son 13.663 as reproducións rexistradas e contabilizadas pola concellería de Novas Tecnoloxías”, o que en palabras de Tomas Vilariño, “pon de relevo a consolidación e a boa acollida que esta iniciativa alcanzou entre a cidadanía”.
O edil tamén dixo que “estas cifras poñen de manifesto que se están a cumprir os obxectivos do Goberno local marcados con esta iniciativa, que non son outros que os de avanzar nas cuestións de transparencia e abrir o pleno a toda a cidadanía, tendo en conta que son moitas as persoas que non poden acudir ás sesións”.
Por outra banda, o titular de Novas Tecnoloxías explicou que o sistema de streaming posto en marcha polo Concello, ademais de servir para emitir cada mes as devanditas sesións, permitiu achegar en directo os actos de entrega das distincións Folla de Carballo á veciñanza local, así como a entrega dos premios Aldea Singular, ou eventos deportivos celebrados no Lalín Arena. Asemade, informou que a Concellería de Novas Tecnoloxías impulsou nos últimos meses unha serie de melloras que permitiron incrementar “de xeito notable” a calidade das retransmisións. Como sinalou Tomás Vilariño, “anteriormente empregábase unha cámara Gopro con conexión Wi-Fi que provocaba a perda de moita calidade de imaxe, ademais de retardo na emisión”. Por estes motivos, o Concello incorporou dúas novas tarxetas capturadas que recollen as entradas HDMI con vídeo e audio e pasan directamente o sinal ao computador, desenvolvendo deste xeito a produción e transmisión en directo das imaxes “de xeito que chegan á cidadanía con moita maior calidade e en tempo real”.
As retransmisións plenarias en streaming de Lalín amorean preto de 14.000 visualizacións
Compartir Este Artigo
