Quen queira ampliar os seus coñecementos sobre a revolución industrial que estamos a piques de experimentar no seu apoxeo, a da Industria 4.0, dicirlle que o Clúster TIC Galicia vaille brindar a oportunidade de facelo. E de que maneira? Pois basicamente a través de dous cursos de capacitación en ciberseguridade e xestión empresarial e organización 4.0, destinados a traballadores de pequenas e medianas empresas galegas (PEME). Estes obradoiros, que teñen o apoio do IGAPE en materia de co-financiamento, desenvolveranse dende finais de maio (día 24) e abranguerán todo o mes de xuño. O primeiro é de ciberseguridade e o segundo sobre xestión empresarial no ámbito 4.0.
Respecto do primeiro, porá o foco nas metodoloxías máis avanzadas para protexer a información e a comunicación en liña, en palabras do Clúster TIC “unha temática prioritaria en calquera tipoloxía de empresa actual xa que os datos constitúen un dos principais activos das mesmas”. Segundo informa a plataforma empresarial galega, a través deste curso o alumnado poderá coñecer as ameazas e os posibles ataques que poden dirixirse cara os sistemas telemáticos dunha entidade, saberán xestionar a seguridade dos datos na rede ou coñecer os perigos que se agochan no uso de dispositivos móbiles ou en mobilidade”. O curso inclúe nove módulos teóricos e dous prácticos, e desenvólvese en Santiago os martes e os xoves en horario de tarde.
O seguinte obradoiro é Capacitación en Xestión Empresarial e Organización 4.0. Como se indica no seu nome, diríxese a incorporar aos asistentes ás novas metodoloxías automatizadas, intelixentes e sustentables de producir, unhas metodoloxías que permiten ás empresas dispor dun grande volume de datos para a toma de decisións e dar forma a novos modelos de negocio. Mediante este curso, “os alumnos poderán ter os coñecementos chave para a xestión de proxectos empresariais dende a perspectiva da nova Industria 4.0”. Este obradoiro celébrase na Coruña, os xoves en xornada completa. Inclúe 3 bloques temáticos con 8 sesións de traballo, 6 teóricas (48h) e 4 prácticas (16h).
O Clúster TIC Galicia adéstranos en ciberseguridade e Industria 4.0
Compartir Este Artigo
