Para quen ande cun pé nas redes sociais e queira tirar proveito delas para ampliar currículo e aplicar os seus coñecementos nas empresas locais, dicirlle que a Cámara de Comercio de Santiago vai recuncar co seu obradoiro de community manager para menores de 30 anos. Como lembraremos, poderíase definir o community manager como o profesional que constrúe, xestiona e administra colectividades en liña arredor dunha marca ou unha temática específica en Internet. O novo curso celebrarase en xuño, entre os días 4 e 27, logo das boas experiencias xeradas o ano pasado por estas mesmas datas.
O curso que tamén aborda de cheo a cuestión da mercadotecnia dixital, desenvolverase en, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Estará impartido polo consultor e formador en marketing online e offline, comunicación e xestión de equipos Javier Rocamora.
Os obxectivos da formación son “adquirir os coñecementos necesarios para a posta en marcha dun plan de comunicación dixital, no que se incluirá a elaboración dun programa de comunicación, partindo dunha estratexia de elaboración de contidos”. Asemade, segundo engade a Cámara, trátase “de comprender que lugar ocupan as redes sociais dentro da engrenaxe do negocio; de indagar para que serven estes servizos dixitais e como encaixalos dentro do plan de negocio; de coñecer outras redes sociais alén de Facebook, Instagram e Twitter; e de sabermos desempeñar as funcións propias dun community manager“. Funcións que van desde a xestión dos contidos nas redes á interacción, conversación, publicidade en liña e xeración de informes e estatísticas.
A Cámara de Santiago aprende aos menores de 30 anos a administrar comunidades dixitais
Compartir Este Artigo
