O 26 de maio temos en Santiago unha cita cos novos xeitos de colaborar e facer comunidade para impulsar ferramentas, servizos e o día a día dos usuarios en xeral, dos profesionais e das empresas. Estamos a falar da nova edición do XantarDev, que chega ao seu segundo aniversario e que se celebra no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. A cita, que vén da man de XantarDev Team, inclúe cinco charlas, divididas en tres pola mañá e dúas pola tarde. A recepción e o rexistro comeza ás 10.00 horas. O evento é cen por cen de balde, aínda que é preciso que nos rexistremos a través de Meetup para que a organización controle o aforamento e as salas.
As sesións comezan cunha sesión de apertura a cargo de David Gonzalo, para dar paso (ás 10.00) a un relatorio do enxeñeiro en Informático e argalleiro tecnolóxico Fernando Blanco, A vida é cambio, que nos axudará a atopar respostas para todas as dúbidas que xorden arredor das diferentes bibliotecas e frameworks que xorden cada mes (que temos detrás destes servizos?, é todo unha moda?). Asemade, fará unha pequena introdución a VueJS, que nos axudará analizar estes cambios.
De seguido, logo dun descanso “para repor forzas”, é a quenda (sobre as 12.30 horas) de Darío Cerredelo, experto en desenvolvemento .NET e testing, quen achegará o relatorio Automatización de probas en aplicacións web con Selenium. Na súa intervención, mostrará de que maneira e ata que punto (“con con pouco traballo e sen apenas coñecementos técnicos”), podemos ser quen de aproveitar o esforzo dun ciclo de probas para gravar scripts de execución e automatizar esta tarefa tan repetitiva.
Ás 13.30 será a quenda de Diego Fernández, coa sesión Creando mundos en Realidade Virtual con A-Frame. Será, basicamente, unha introdución pormenorizada a A-Frame, o framework máis utilizado na actualidade para crear experiencias de realidades alternativas na Rede. Diego é enxeñeiro informático con 13 anos de experiencia na industria do cinema de animación e os gráficos por computador.
Logo do xantar, intervirán José Sendín e Bárbara Román, co relatorio NoLegalTech a peito palomo, para logo deixar sitio a Rafa Couto, desenvolvedor maker e seareiro do software libre, coa sesión Introdución a GIT (como funciona?, por que motivos é o sistema de control de versións máis popular?, etc).
O novo XantarDev mostra en Santiago as máis útiles tecnoloxías para o noso día a día
Compartir Este Artigo
