A Deputación de Lugo vén de achegar novos azos ao turismo da provincia. E faino a través de contidos audiovisuais sobre os atractivos lucenses para seren proxectados en múltiples recantos da contorna europea, que é, a fin de contas, unha das principais “factorías” de visitantes da nosa terra. Estes contidos, que atoparán impulso extra nas redes sociais, foron dados a coñecer hoxe polo deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde. Trátase da campaña Lugo Natural, que consta de tres vídeos promocionais en galego, castelán, inglés.
Os contidos serán difundidos en 8 países europeos. Farase a través do Eixo Atlántico que participa no proxecto internacional EPICAH (Effectiveness of Policy for Crossborder in Heritage), para rexións transfronteirizas da Unión Europea, e serán exhibidos en Portugal, Hungría, Italia, Grecia, Estonia, República Checa e Romanía.
“Con esta iniciativa”, sinalou Vidal Baamonde, “seguimos a folla de ruta marcada na campaña Lugo Cambia, coa que buscamos impulsar o medre e a transformación do sector turístico na provincia, na procura dun modelo máis competitivo e rendible, pois somos coñecedores das potencialidades infinitas das que dispón a nosa provincia, e da importancia deste sector para o seu desenvolvemento económico”.
O deputado salientou que esta nova promoción presentada hoxe para a contorna da Unión Europea contribuirá “de xeito decidido” a mellorar a cooperación transfronteiriza “converténdose nunha ferramenta fundamental para o desenvolvemento turístico e a protección do patrimonio natural e cultural da nosa provincia”.
Vidal Baamonde lembrou tamén que hai uns días aprobouse na xunta de goberno a realización dunha campaña de promoción turística da provincia e que conta cun investimento de 34.000 euros, que inclúe a realización de vídeos para cada un dos catro xeodestinos, (Lugo-Terra Chá, A Mariña, Ribeira Sacra, e Ancares-Courel), ademais de realizar un vídeo promocional de toda a provincia.
Lugo Natural é un vídeo de visualización dos atractivos da provincia de Lugo con 26 enclaves naturais, realizado con drons, co que se viaxa por toda a provincia e que ten unha duración de dous minutos, e no que destacan as imaxes areas de ríos, mares, montañas, acantilados, reservas da Biosfera, o litoral, monumentos naturais, Rede Natura ou as concas fluviais.
“Trátase dun traballo”, engadiu o deputado, “que contribúe a poñer en valor os recursos, naturais, patrimoniais e culturais da provincia, e que ao mesmo tempo tamén nos diferencian doutros destinos”. Por certo que o vídeo, como dixemos, xa pode verse nas redes sociais da Deputación, por exemplo no seu sitio en Facebook, no Twitter ou no YouTube.
A Deputación de Lugo promove a provincia con novos vídeos nas redes sociais
Compartir Este Artigo
