A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) vai dinamizar o laboratorio vivente (living lab) da área sanitaria da cidade e a súa contorna. Así o fixeron saber os días pasados os responsables do complexo empresarial, engadindo que o laboratorio vivinte abrirá ao remate do verán un proceso de recollida de ideas susceptibles de seren incluídas no traballo asistencial e logo comercializadas. O proxecto de living lab está a ser liderado polo Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A Tecnópole, ao abeiro desta iniciativa, actuará como ligazón entre as empresas o laboratorio, identificando e dinamizando propostas que poidan incorporarse ao espazo de traballo e innovación.
O living lab liderado polo CHUO é un ecosistema de innovación aberta cun enfoque de co-creación sistemática, co fin último de aumentar a calidade de vida dos pacientes. A súa prioridade é integrar universidades, centros de investigación, empresas e administracións (o SERGAS) para “colaborar en solucións baseadas na innovación e a transferencia de coñecemento enfocadas á atención integral, as infraestruturas, a calidade asistencial e a xestión eficiente dos recursos”.
O seguimento remoto de pacientes, o control de satisfacción, a robótica, os novos materiais ou a impresión 3D son algúns ámbitos nos que xa se está a traballar. Os resultados obtidos serán compartidos no marco das redes de living labs a nivel europeo, o que abre esta xanela de oportunidade das empresas galegas ao ámbito internacional. A colaboración de Tecnópole na iniciativa enmárcase no seu programa de actuacións para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) no noroeste peninsular.
A Tecnópole e o CHUO impulsan a eSaúde en Ourense
Compartir Este Artigo
