Seguen sendo as redes material de primeira liña para a colaboración entre persoas? Sen dúbida si, e non está de máis que recordemos unha vez máis, nestes tempos de anti-ciberseguridade e riscos dixitais diversos por mor dun mal uso das mesmas. Un exemplo de como a solidariedade atopa nas tecnoloxías unha das súas principais valedoras é que está a acontecer estes días en Tui, onde, logo da catástrofe do estoupido do almacén de pirotecnia do pasado 23 de maio, vense de poñer en marcha, da man da propia veciñanza, unha campaña de microcenado para axudar ás familias que se atopan desaloxadas aínda. A iniciativa estase a materializar en GoFundMe, a plataforma tecnolóxico-social de recollida de doazóns e crowdfounding. O obxectivo é recadar 200.000 euros.
As/os impulsores da campaña informan, acompañando o lanzamento da mesma, que cómpre que teñamos en conta que unha vintena de fogares ficaron totalmente destruído tras a explosión, e que outro centenar tivo danos por mor do estoupido da polvoreira do almacén ilegal de Páramos, propiedade de La Gallega (a explosión, que tivo un radio de alcance de 300 metros, provocou a morte dun matrimonio de orixe magrebí, ademais de deixar a 37 persoas feridas).
Liderando a campaña atópase Andrea Costa Amorín, veciña da localidade afectada, que recorreu á solidariedade dos internautas para que as persoas que foron reacollidas en hoteis poidan “ter unha vivenda nova canto antes”. Os fondos recadados irán destinados á conta oficial que abra o Concello de Tui.
A veciñanza de Tui abre campaña na plataforma GoFundMe para reconstruír fogares
Compartir Este Artigo
