O Centro Tecnolóxico Gradiant, referente galego en desenvolvemento de novas tecnoloxías e transferencia, está a participar estes días no que sería o evento estatal máis relevante en materia de RPA, ou sexa, en materia de automatización robótica de procesos e do que se coñece, en termos máis xenéricos, como Industria 4.0. Estamos a falar de UNVEX 2018 (Unmanned Vehicles Exhibition), que se celebra en León ata o 31 de maio e onde o centro tecnolóxico galego mostra por vez primeira (con demostracións en vivo incluídas) a súa innovadora tecnoloxía para salvar vidas: a tecnoloxía Alivetor, premiada previamente no ESNC 2017. UNVEX centra boa parte do eixe temático da presente edición nas aplicacións de sistemas tripulados de forma remota para seguridade e defensa.
Segundo informa Gradiant, Alivetor é un sensor a bordo dun dron que ten a capacidade para actuar de maneira eficaz en situacións de risco e catástrofes, por exemplo para detectar os sobreviventes cubertos de cascallos logo dun terremoto ou dun estoupido. “Con Alivetor”, explica Gradiant, “os equipos de procura e rescate son quen de atopar as vítimas de forma rápida e fiable, aumentando as posibilidades de salvar vidas en situacións de emerxencia”. Desenvolvida polo centro galego, a tecnoloxía Alivetor foi un dos proxectos premiados no Concurso Europeo de Navegación por Satélite (ESNC 2017).
As demostracións desenvólvense este martes e mércores, ás 12h e ás 17h, na zona interior do Palacio de Exposicións de León e os asistentes poderán comprobar in situ as capacidades do dispositivo. En palabras de Pablo González, investigador de Gradiant, “Alivetor incorpora un sistema radar que, ao estar embarcado nun dron, permítenos abranguer unha área xeográfica maior para detectar persoas atrapadas baixo cascallos tras unha catástrofe, localizando ás persoas que continúen con vida en menos tempo”.
O equipo de Gradiant tamén mostrará durante este tres días o potencial de Counter UAS, capaz de detectar, clasificar, seguir e neutralizar drones de maneira automática. Iago Gómez, responsable de UAS de Gradiant, sinala que “esta solución resulta clave de face a validar e dar visibilidade ao traballo de innovación e desenvolvemento que vimos realizando con drons, co obxectivo de brindar as mellores solucións ás empresas do sector”. O sistema, concibido para a protección de infraestruturas críticas, intégrase por diferentes módulos que detectan, clasifican e rastrexan vehículos aéreos non tripulados.
Gradiant mostra a súa tecnoloxía para o rescate de persoas en UNVEX 2018
Compartir Este Artigo
