A consultora tecnolóxica Optare Solutions, con sede en Vigo, está a posicionarse de xeito firme do lado dos estudantes que se están a preparar para o mercado laboral. E faino poñendo en marcha un programa de bolsas destinado a facilitar a incorporación do noso novo talento ao sector das tecnoloxías da información. Os requirimentos para acceder ás axudas? Pois simplemente estarmos a piques de titularnos no Grao de Enxeñaría de Telecomunicación ou no de Enxeñaría Informática e contarmos cun bo expediente académico.
En total, trátase de catro bolsas abbilia Master e abbilia Master Woman. Con elas, amais de custear o pago íntegro da matrícula dos máster das ditas escolas, Optare achega o acceso a dous anos de prácticas profesionais remuneradas no sector das operadoras de telecomunicacións e outros dous anos de contratación laboral coa propia consultora viguesa. O prazo de solicitudes arrancará este mesmo xoves e prolongarase ata o 30 de xuño.
O programa foi dado a coñecer hoxe polo xerente e a responsable de Recursos Humanos da empresa, Luis Alves e Cristina Martín, nun almorzo de traballo cos medios de comunicación no que salientaron o “forte compromiso” da súa firma “non só para fomentar o talento galego, senón ademais e en concreto, co incremento da presenza das mulleres enxeñeiras no ámbito tecnolóxico”. Sobre este tema da presenza feminina no sector, cada vez máis escasa, Alves e Martín mostraron a súa preocupación e lembraron que esta inquietude, precisamente, reflíctese na creación dunha axuda específica para mulleres: a bolsa abbilia Master Woman. “Queremos incrementar o número de mozas no tecido TIC, e garantir a igualdade de condicións no mercado laboral das TIC”, explicaron.
Segundo engadiron, trátase da primeira convocatoria anual dunhas axudas que nacen “con vocación de permanencia”. O obxectivo é “facer posible a conciliación da formación universitaria de posgrao coa adquisición simultánea de experiencia profesional para poder trasladar os coñecementos adquiridos no grao e no máster á práctica real no mundo da empresa nun sector con gran demanda de profesionais altamente cualificados”.
Optare lanza un programa de bolsas para incorporar estudantes ao sector TIC
Compartir Este Artigo
