Nas capacidades diversas das/os traballadoras/es dunha empresa tecnolóxica (e de calquera sector, realmente) está en moitas ocasións a clave do éxito dos seus proxectos. O que en tempos podía ser un handicap, as diferentes facultades de cada profesional, hoxe en día (co avance das novas metodoloxías participativas, colaborativas e de autodesenvolvemento persoal) só pode ser cualificado de vantaxe. A pregunta que nos podemos facer é a seguinte: é posible incrementar o rendemento, a actividade e a competitividade da nosa firma recoñecendo, identificando e potenciando o diverso talento dos integrantes da nosa equipa? A resposta é claramente si. E para ilustralo e axudarnos na aplicación práctica destas capacidades, Vitae organiza a segunda edición do curso Neurociencia: As intelixencias múltiples e a súa aplicación a empresa (PDF).
O obradoiro diríxese novamente a incrementar a nosa información sobre os diferentes tipos de talento dos profesionais, todos eles de gran utilidade para a actividade diaria dunha empresa. A actividade formativa, que inclúe 8 horas de formación, vaise levar a cabo na Coruña, o 29 de xuño, no Hotel Attica 21. A súa base, o piar de coñecemento sobre o que se apoia o obradoiro, é a teoría das intelixencias múltiples de Howard Gardner.
Con esta teoría, o investigador Howard Gardner puxo en xogo un elemento discordante con respecto ás correntes maioritarias que defendían a existencia dunha intelixencia única, e que esta intelixencia era o recurso principal que podía resultar de interese para unha empresa. Pola contra, os traballos de Gardner defenderon a existencia de diferentes talentos: oito tipos distintos de intelixencias. Segundo fixo saber, non existe un único talento no ser humano, senón unha diversidade de destrezas de compresión e comportamento que marcan as potencialidades de cada individuo, artellados polas fortalezas e tamén polas súas feblezas, e todo isto nunha “serie de escenarios de espallamento da intelixencia”.
Os obxectivos do curso serán os seguintes: identificar as claves do enfoque das intelixencias múltiples (IM), recoñecer o valor do coñecemento das capacidades relacionadas ás distintas intelixencias para determinar perfís profesionais, avaliar algúns tipos de desenvolvementos profesionais en relación coas ditas facultades mentais, valorar a utilidade dos indicadores de desenvolvemento IM para o coñecemento e a análise en currículos e entrevistas.
O obradoiro está dirixido a profesionais de recursos humanos, directivos, xerentes e directores de proxectos que desexen afondar nas intelixencias múltiples.
A persoa encargada de impartir os contidos será Amparo Escamilla González, doutora en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Amparo é directora do equipo Proxectos Pedagóxicos e co-directora dos másteres de intelixencias múltiples (Infantil, Primaria e Secundaria) na Universidade de Alcalá (UAH). Entre os seus fitos profesionais áchase o desenvolvemento dunha estratexia (5GTIM) integrada por un conxunto de técnicas de pensamento que, fusionadas con contidos, estimulan as nosas diversas capacidades cognitivas e mentais. Esta estratexia estase a integrar en máis de 450 centros de Infantil e cunha selección de técnicas puntuais, en Primaria e Secundaria. Amparo interveu en máis de medio milleiro de accións formativas relacionadas coas devanditas temáticas.
Volve á Coruña o curso de Vitae sobre intelixencias múltiples e como identificalas e aproveitalas
Compartir Este Artigo
